miércoles, 12 de diciembre de 2012

CATRO ACTIVIDADES DEPORTIVAS SERÁN AS GRANDES PROTAGONISTAS DO NADAL PONTÉS

Nestas datas non podían faltar diferentes actividades deportivas e é que, ao longo dos vindeiros días, poderemos desfrutar da plasticidade e maxestuosidade das ximnastas pontesas, da precisión dos nosos arqueiros, do bo facer baixo o aro dos nosos xogadores de baloncesto ou da unión de deporte e imaxinación na segunda edición da San Silvestre Pontesa. E é que, ata o derradeiro día do ano, haberá deporte para todas as idades e gustos nunha programación que se inaugurará o día 20, no Pavillón Polideportivo Municipal, cun festival de nadal que estará protagonizado polas integrantes do Clube de Ximnasia Rítmica da nosa vila e o alumnado da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica. A exhibición arrincará ás 19.30 horas e, para esta data tan especial, contarase con música en directo, a que ofrecerán os integrantes da Banda do Conservatorio Municipal que tamén se sumará a este curioso festival navideño. Outra cita xa tradicional nestas datas é o III Campus de basket organizado polo Clube de Baloncesto As Pontes e que se desenvolverá entre os días 26 e 29 de decembro nos pavillóns dos colexios da Magdalena, Monte Caxado e Castro da Uz, ademáis do polideportivo municipal. Serán catro días de adestramentos e clases teóricas e prácticas nas que varios adestradores de alto nivel volverán compartir coas categorías de base do clube pontés as súas ensinanzas. Ata As Pontes, e por terceiro ano consecutivo, trasladaranse adestradores de prestixio co fin de ofrecer diferentes clases que permitan a evolución deportiva dos máis pequenos. O 30 de decembro teremos compromiso co mundo do tiro con arco xa que se se celebrará unha nova edición do Campionato de Tiro con Arco Concello de As Pontes, unha competición organizada polo Clube Silex e o Consistorio e que terá como escenario o pavillón polideportivo municipal, durante toda a mañá. E para rematar o ano nada mellor que facelo participando na segunda San Silvestre Pontesa que terá lugar o día 31 dende as catro da tarde. Durante a xornada desenvolveranse probas de velocidade adaptadas ás diferentes idades e ata haberá unha carreira absoluta de 5000 metros e unha andaina popular de 2500 metros.Como requisitos: ter ánimos para botar unha carreira e levar un bo disfraz xa que serán premiados tanto os máis veloces coma os que acudan a esta cita co traxe máis orixinal. O Clube Olympo e o Concello de As Pontes organizan esta proba para a que será posible anotarse ata o día 30 a través do enderezo electrónico atletismoolympo@gmail.com ou telefonando ao 636 51 72 99.

No hay comentarios:

Publicar un comentario