lunes, 18 de marzo de 2013

AULAS DE DIVERSIÓN ABRE UNHA NOVA EDICIÓN CUN OBRADOIRO DE COCIÑA INFANTIL 

O pasado sábado tocaba colocarse o gorro, o mantelo e novamente sentarse á mesa para, coas mans na masa, desfrutar da xornada de apertura dunha nova edición de Aulas de Diversión. Na súa estrea neste 2013, Aulas de Diversión apostaba por unha das actividades de maior popularidade e, tal e como apuntaban as previsións, o obradoiro de cociña volvía ser todo un éxito pendurando o cartel de non hai vacantes. De feito, unha trintena de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos se achegaban ata as dependencias da escola infantil da Barosa na mañá do sábado para idear, baixo as directrices do gran restaurador Antonio Díaz, catro receitas do máis saborosas e sinxelas. E é que a cociña non é cousa de idade, como quedaba máis que demostrado neste obradoiro. Así, para entrar en materia os pequenos chefs comezaban elaborando un saboroso e nutritivo batido de amorodos para continuar xa con algo máis contundente coma un pan pizza que cada participante aderezou cos ingredientes que máis lle gustaban e que, por supusto, tamén se animaron a probar. Non faltaron os tan típicos freixós da nosa terra que os participantes acompañaron con nata e mel do eume e, coma postre, un flan de chocolate e descafeinado que facía a boca auga a máis dun e dunha dos monitores que acompañaron en todo momento a estes pequerrechos. Con eles o edil de Servizos Sociais, José Alén, que tamén visitou esta particular clase de cociña. E é que Aulas de Diversión é un programa de actividades para os máis pequenos posto en marcha, precisamente polo departamento municipal de Servizos Sociais, para axudar ás familias traballadoras a conciliar a súa vida familiar coa súa promoción laboral, durante as mañás de sábado. Son tres horas de actividades lúdico educativas totalmente gratuítas nas que, por unha parte, os máis pequenos desfrutan, aprenden e coñecen novos amigos e, que por outra banda, permite aos seus pais e nais contar cun lugar onde deixar aos seus pequenos ben atendidos e, por riba, desfrutando namentras que eles deben atender ás súas obrigas laborais ou ás tarefas típicas dun fogar. Para este sábado Aulas de Diversión regresará ao seu emprazamento habitual: a Casa de Don Pedro, e no seu horario habitual de 10.30 a 13.30 horas, para ofrecer nesta ocasión un entretido obradoiro de reciclaxe e decoración de camisetas. Coma sempre a entrada será libre ata completar os 35 participantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario