martes, 19 de marzo de 2013

DUCIAS DE VECIÑOS PARTICIPAN NO ENCONTRO INFORMATIVO SOBRE O PXOM ORGANIZADO DENDE O CONCELLO

A Concellería de Xestión Orzamentaria e Urbanismo desenvolveu onte unha xornada de presentacións das liñas estratéxicas contidas no avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) cun acto aberto ó público que tivo un importante seguimento nas bancadas da Casa Dopeso. No mesmo contouse coa presenza do edil Antonio Alonso e dos responsables da empresa que está a desenvolver estes traballos, a catalana Jornet Llop & Pastor. Denantes do acto público do serán xa se celebraran outros dous, un cos grupos políticos municipais e outro coa comisión técnica de seguemento onde se contou coa presenza de representantes do tecido asociativo e empresarial do municipio e dos voceiros dos grupos da oposición Sara Prada e Francisco Da Silva. En todos os casos se acompañou a exposición coa proxección dun audiovisual na que se incluían os avances sobre planos e imaxes reais do municipio. Este primeiro avance das liñas a seguir no novo PXOM parten dun coñecemento exhaustivo do termo municipal, recollido nos traballos xa realizados destinados á información e diagnose, sempre a traverso do estudo e análise que propiciase unha diagnose que continúa aberta. Para esta fin incídese na idea de implicar aos ponteses e pontesas, sobre todo asociacións veciñais, nos que a colaboura se considera chave para acadar unha nova lexislación, máis actual, e adaptada ó desenvolvemento urbanístico real do municipio Agora, o seguinte paso será abrir canles directas para ese proceso de participación pública que abranga a todos os colectivos; entre outros, estase xa a elaborar unha páxina web específica que albergará toda a información e avances rexistrados sobre o PXOM pontés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario