lunes, 11 de marzo de 2013

SERVIZOS SOCIAIS ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NOS CAMPAMENTOS DE SEMANA SANTA AS PONTES DIVERTIDO

SERVIZOS SOCIAIS ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NOS CAMPAMENTOS DE SEMANA SANTA AS PONTES DIVERTIDO Coa proximidade das vacacións de Semana Santa de seguro que moitos pais e nais xa están a pensar en diferentes alternativas e actividades coas que entreter aos seus pequenos e pequenas, namentras que eles continuan a traballar. Unha das que, ano tras ano, vai gañando adeptos son os obradoiros de conciliación que, unha vez máis, ofrece o executivo local. Novamente, dende o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, porase en marcha un programa lúdico educativo para eses días de Semana Santa nos que pais e nais deben traballar e non teñen con quen deixar aos seus fillos e fillas. Baixo o título As Pontes Divertido, os días 25,26 e 27 de marzo e 1 de abril 50 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán desfrutar de diferentes actividades lúdico educativas que terán como escenario as dependencias do colexio da Magdalena. Os horarios serán os habituais durante estes catro días de actividades, é dicir de 9.00 a 14.00 horas, e o custo será de 10 euros con descontos do 50% para familias numerosas. No tocante ao prazo de inscrición, o mesmo abríase o pasado venres e pecharase o día 19 sendo preciso cubrir a pertinente solicitude no Rexistro Xeral do Concello e tamén achegar ata estas dependencias a seguinte documentación: fotocopia do Libro de Familia, certificado da empresa de conforme se está a traballar nas datas destes obradoiros, certificado de estar a asistir a un curso nestas datas ou declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico; e é que de existir maior demanda que prazas adxudicaranse as mesmas dando preferencia aos pais e nais que xustifiquen o estar a traballar ou ás familias monoparentais. Para obter máis información coma sempre dende o departamento municipal de Servizos Sociais teñen a dispor da veciñanza un teléfono de contacto: o 981 44 10 08.

No hay comentarios:

Publicar un comentario