
• A proba, organizada polo Concello e o clube Olympo, desenvolverase o día 23 de marzo pola Fraga de Dona Rita e os seus arredores
As Pontes, 11 de Marzo de 2013.-
Co gallo da celebración da festividade de San Xosé, As Pontes acollerá o vindeiro sábado 23 de Marzo unha nova edición da xa clásica carreira pedestre, unha cita afianzada no calendario do atletismo comarcal, que cada ano atrae a máis e máis corredores. De feito no pasado 2012, 450 dorsais cruzaron a liña de meta, tanto nas carreiras infantís como na proba absoluta.
O circuito da Fraga volverá ser escenario deste clásico que troca o seu horario, pasando a desenvolverse pola tarde, dende as 17.00 horas e que volve organizar o concello, mediante o departamento municipal de Deportes, e o clube local Atletismo Olympo.
A carreira de San Xosé, que celebrará a súa XXIII edición, está pensada para adultos e nenos, que teñen un percorrido máis curto despendendo da súa idade. Así as distancias establecidas van dende os 350 metros dos máis pequenos aos 6.500 metros da carreira adulta.
Como manda a lóxica, pero a diferencia de anos anteriores, os primerios en lucir dorsais serán os máis pequenos, que estarán preparados na liña de saída a iso das cinco da tarde.
Desputaranse un total de oito carreiras. Prebenxamín masculino e feminino, para nenos e nenas nados nos anos 2006-2007, que terán que dar unha volta a un circuíto de 350 metros.
Benxamín masculino e feminino para rapaces e rapazas nados nos anos 2004 – 2005 teranse que enfrontar a un circuíto de 500 metros; e o alevín feminino para nenas nadas nos anos 2002-2003, a distancia a percorrer será de 900 metros. Namentras que os alevíns masculinos enfrontaranse a unha distancia de 1250 metros.
Canto ás categorías infantís, para mozos e mozas nados entre os anos 2000 e 2001, as distancias son de 1250 metros, para as femias, e de 1450 metros, para a categoría masculina. E finalmente a categoría cadete, que comprende aos nados nos anos 98-99, a organización da carreira de San Xosé establece un percorrido de 1450 metros para elas, e 1800 metros, para eles.
Haberá tres premios de 150 euros canxealbes por material deportivo, para as entidades deportivas que clasifiquen o maior número de participantes na liña de chegada. Ademais concederase trofeo aos tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, e trofeo ao primeiro pontés clasificado en cada categoría. As inscricións escolares e por entidades teranse que presentar no Departamento de Deportes do Concello, tendo de prazo ata as 13.00 horas do vindeiro 20 de marzo.
Con relación á carreira absoluta, ésta desenvolverase logo das carreiras escolares e o percorrido terá unha distancia aproximada de 6500 metros.
Diferenciaranse as categorías xuvenís, para mozos e mozas nados nos anos 94-95-96 ou 97. Promesa Senior, para nados nos anos 93 e anteriores. Veteranas 35 anos cumpridos no día da proba e veteráns 40 anos cumpridos no día da proba.
Canto aos premios haberá cinco absolutos tanto para categoría masculina como tamén para a feminina. Así, o primeiro premio será de 200 euros e trofeo; o segundo clasificado recibirá trofeo e 120 euros. O terceiro atleta en cruzar a liña de meta farase cun premio económico de 75 euros e trofeo. O cuarto clasificado recibirá 50 euros e trofeo e finalmente o quinto clasificado farase cun premio de 30 euros e tamén trofeo.
Tamén se outorgarán trofeos aos tres primeiros clasificados e clasificadas por cada categoría se non chegan entre os tres primeiros absolutos. Concederanse ademais o Trofeo Luis Barrio Doel e Premio Galiorient ao primeiro pontés e pontesa clasificados. E tamén volve estar en xogo o Premio Opticalia para aqueles atletas que crucen a liña de meta na vixésimo terceira posición da clasificación masculina e da feminina, en conmemoración a esta XXIII carreira de San Xosé.
A normativa tamén establece que en ningún caso, agás o Trofeo Luis Barrio, un mesmo atleta poderá recibir dous trofeos, percibindo unicamente o de maior categoría.
No tocante ás inscricións para a carreira absoluta,éstas deberán cursarse mediante a páxina web www.championchipnorte.com ou ben nas oficinas do pavillón municipal entre as 8.00 e as 13.00 horas, sendo preciso aboar 1 euro no momento de anotarse nas oficinas de Deportes ou mediante a pasarela de pago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario