lunes, 11 de marzo de 2013

O Concello de As Pontes escolle o teatro de Gazafelhos para achegar a igualdade ao alumnado de Educación Infantil

• O departamento de Servizos Sociais e o CIM ofrecerán a máis de 200 escolares de Infantil a representación de tres contos sobre a igualdade da man da compañía Gazafelhos As Pontes, 11 de Marzo de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro da Información á Muller (CIM), retomará mañá as celebracións do Día Internacional da Muller, e será mediante unha actividade dirixida aos estudantes ponteses de Educación Infantil. Así, algo máis de 200 escolares, dos diferentes centros educativos locais poderán desfrutar da representación teatral da compañía Gazafelhos que representará, nunha función de algo máis de media hora, tres textos pertencentes á colección A Igualdade Conta, editada por Émbora. As súas autoras son Cristina Justo e Paloma Rodríguez que idearon varias historias incluídas na publicación O País dos Mandóns. Nesta ocasión, a compañía Gazafelhos escolleu tres destas historias ás que darán vida mañá e que levan por título: A urna dos desexos, O País do Mandóns e O segredo de Flora. En dúas sesións, ás 10.30 e ás 12.30 horas, coñeceremos como no País dos Mandóns uns cantos mandan sobre o resto e non permiten que as nenas, as nais ou as avoas xoguen, traballen lonxe da casa ou saian dar un paseo, situación que cambia cunhas novas normas baseadas na igualdade de xénero, na eliminación de estereotipos ou no cambio do concepto de patriarcado. Coa historia de O Segredo de Flora trabállase a temática da violencia en todo tipo de ámbitos tendo coma protagonista a unha rapaza de nome Flora que ten un fantástico segredo, xa que aprendeu, mediante unhas verbas máxicas, a non ser violenta. Finalmente, en A urna dos Desexos teremos coma protagonista a Clara que aprenderá o que supoñen unhas eleccións e que pretende exaltar valores coma a democracia paritaria e a participación política, ademáis de servir coma homenaxe á figura de Clara Campoamor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario