martes, 12 de marzo de 2013

O País dos Mandóns, O Segredo de Flora e a Urna dos Desexos cobran vida da man de Gazafelhos para achegar conceptos coma a democracia e a igualdade aos máis pequenos 

  A Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) retomaron hoxe o seu programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller e, nesta ocasión, puxo en marcha unha iniciativa para os máis pequenos: os escolares de Educación Infantil dos diferentes colexios ponteses. Da man da compañía naronesa Gazafelhos, 220 alumnos e alumnas de A Fraga, A Magdalena, Monte Caxado e Santa María puideron coñecer conceptos coma o patriarcado, as dictaduras ou a desigualdade todo isto mediante tres historias entrelazadas e ás que deron vida os actores Pepablo Patinho, Jorge Casas e Montse Piñón. Como eixo destas historias, tres dos contos de edicións Embora pertencentes á colección A igualdade Conta e elaborados por Cristina Justo e Paloma Rodríguez. De feito, como punto de partida desta montaxe tiñamos a oportunidade de coñecer O País dos Mandóns, un lugar no que reinan o gris e mailo negro e onde as mulleres, as nenas e as avoas están condeadas a limpar, fregar ou cociñar, sen oportunidade de saír a dar un paseo, ler un libro ou pasalo ben. Toda unha metáfora dunha sociedade dispar, baseada no patriarcado e na inferioridade da muller e que cambia cunhas novas normas baseadas na igualdade de xénero e na eliminación de estereotipos sexistas. No País dos Mandós, os nosos protagonistas tamén tiveron a oportunidade de atoparse con Flora unha nena un pouco agresiva que solucionaba os seus problemas a base de perrenchas e labazadas e que atopou como saída á súa agresividade a música e a pintura; unha historia en contra da violencia. E de Flora a Clara outra das protagonistas destes tres contos en un e que pretende cambiar o mundo mediante a democracia e a posibilidade de que eles e elas sexan iguais en dereitos e deberes. Como colofón nada mellor que levar para cada centro escolar estas historias. De ahí que o edil de servizos sociais, José Alén, entregase a cada centro unha colección completa destas historias pola igualdade de Embora para continuar co traballo, pero xa nas escolas, en prol da eliminación de estereotipos sexistas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario