jueves, 11 de abril de 2013
MUNDOXOGO PÉCHASE ESTE SÁBADO E PROTAGONIZA UNHA FIN DE SEMANA DE ACTIVIDADES INFANTÍS CON AULAS DE DIVERSIÓN E O PROGRAMA DE OCIO E TEMPO LIBRE
O programa de ocio infantil e xuvenil Mundoxogo despedirá esta fin de semana a súa segunda visita a As Pontes tras case un mes nas dependencias do Mercado Vello.
De feito, o sábado ás 20.30 horas o exitoso programa de xogos e actividades varias posto en marcha polo departamento municipal de Xuventude dirá ata a vindeira convocatoria ás carreiras de Scalextric, os partidos de fútbol na Playstation ou as competicións na Wii, a través do Mario Kart.
Poucas son as horas que nos quedan xa para desfrutar pintando, traballando con plastilina ou arxila, adentrándonos no mundo das construcciósn de Lego ou botando unha partida ao hockey, billar ou futbolín, gratuitamente, xa que Mundoxogo estará aberto na tarde do venres, en horario de 16.30 a 20.30 horas e xa o sábado tamén en horario de mañá, de 10.30 a 13.30 horas e de tarde ata as 20.30 horas.
Pero a oferta de ocio proposta polo departamento que dirixe Jesús Tembrás non se reduce só a Mundoxogo xa que o sábado, entre as 17.00 e as 19.00 horas, o Programa de Ocio e Tempo Libre volverá abrir as súas portas no pavillón do colexio de Monte Caxado.
Unha semana máis, baixo a dirección e coidados de varios monitores, este programa volverá apostar por xogos, actividades deportivas e diferentes iniciativas que, de seguro que serán do máis entretidas para unha trintena de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
Todo isto gratuitamente e co obxectivo de botar unha man a eses pais e nais que non saben con quen deixar aos seus pequenos nas tardes de sábado , á hora de afrontar as súas obrigas laborais.
Mesmo obxectivo, pero xa para as mañás dos sábados, ten o programa Aulas de Diversión, organizado pola concellería de Servizos Sociais, que entre as 10.30 horas e as 13.30 horas volverá ofrecer unha alternativa para a conciliación da vida laboral e familiar.
A Casa de Don Pedro será o escenario deste programa e cun cambio no seu calendario de actividades xa que, malia que nun principio, estaba prevista unha clase de técnicas de acampada, por mor das malas previsións meteorolóxicas para a fin de semana optouse por desenvolver o obradoiro de primeiros auxilios programado, nun principio, para o día 20 deste mes.
30 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán sumarse a este interesante obradoiro gratuito no que aprenderán, dun xeito lúdico, nocións básicas sobre a prevención de accidentes, seguridade persoal e autocoidado. Todo isto, entre amigos e desfrutando dunha mañá de sábado do máis entretida e educativa.
Coma sempre, para tomar parte tanto en Aulas de Diversión coma no Programa de Ocio e Tempo Libre os únicos requisitos son ter entre 3 e 12 anos e achegarse ou ata a Casa de Don Pedro ou ata Monte Caxado, denantes do inicio de cada unha destas actividades.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario