


Un ano máis, a banda cultural e recreativa de As Pontes volvía tamén sumarse a estas festas e facíao da man de diversos concertos e actuacións nos Xardíns do Campo da Feira, polas rúas do municipio e por suposto no seu tradicional certame de bandas.
Así xa o sábado e mailo luns os músicos que dirixe o mestre José Lodeiro Gesto se desprazaban, instrumentos en man, ata os xardíns municipais nos que ofrecían algunhas das pezas que integran o seu repertorio ante a atenta mirada dun numeroso público que se animou a desfrutar, grazas ao bo tempo, desta marabillosa interpretación musical.
Xa o domingo era o momento do seu gran día coa XVIII edición do Certame de Bandas de música e que non podía arrincar de mellor maneira, cun pasarrúas das diferentes agrupacións participantes e que partía da rúa do concello baixo a atenta mirada do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o presidente da Asociación de Amigos da Música, Jaime Vilaboy, e primeira tenente de alcalde, Montserrat García.
Dalí ao auditorio municipal Alovi onde daba comezo un festival que inauguraba a Banda Ateneo Musical de Negreira con Raúl Martín á batuta e con pezas de Jacob de Haan coma o Ross Roy ou Oregón e algunha composición xa máis tradicional como é o caso da Muiñeira dos Pendellos de Lois Diéguez.
O seu relevo foi para a Banda de Música de Vilalba que con algo máis dun cuarto século de historia daba conta, sobre as táboas do alovi, da súa gran calidade interpretativa baixo a dirección de César Concheiro. Virginia, Paso al Rumbo ou a Garota de Ipanema de Jobim foron os temas que encheron de ritmo o Alovi.
Como non podía ser doutro xeito, os anfitrións eran os encargados de pechar a rolda de interpretacións. José Lodeiro Gesto, batuta en man, volvía facerse cargo da formación pontesa en temas coma Foxfire, Troulada ou Mont Serrat.
Como ven sendo habitual, o acto pechouse coa entrega dun agasallo ás bandas participantes por parte das autoridades aínda que tamén se vivía, no transcurso deste concerto, un momento do máis emotivo, xa que, ao igual que acontecía coa Mostra Coral o colectivo musical pontés quixo render homenaxe á figura de Rodrigo López, un dos responsables do importante tecido musical pontés e que falecía hai unhas semanas. Unha homenaxe coa que todos os ponteses e pontesas quixeron despedir a un dos pais da música pontesa e que non podía ser doutro xeito, máis que con música e cun forte aplauso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario