lunes, 22 de julio de 2013

As Pontes volve honrar á Virxe do Carme con dúas multitudinarias procesións

As procesións do Carme volveron saír con toda a solemnidade, e fervorosidade que sempre as acompañan. O sábado á noite e o domingo á mañá, a imaxe da nosa patroa volveu pasear polas principais rúas do casco urbano ante os milleiros de ollos que a contemplaban. Pero os actos deste 2.013 marcan un antes e un despois nas tradicións das procesións do Carme, por unha serie de cambios xa introducidos neste ano. Así, coma sempre abría o desfile a Cruz Procesional e trras dela a imaxe de María Magdalena, na que apreciamos a primeira das transformacións. Unha vestimenta, totalmente distinta, á de procesións pasadas, cun traxe máis sinxelo, máis humilde, máis propio dunha Santa. Aos poucos metros os integrantes da Banda da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes, que dirixe Román Romero e aos que lle seguía por vez primiera a imaxe do neno Xesús do Carmelo, atavaiado para esta ocasión co vestido carmelita, a segunda das novidades que introducía o equipo pastoral de Santa María das Pontes. O estandarte da Virxe do Carme, flanqueado por dúas das camareiras que diariamente atenden á patroa xunto co seu mordomo, o sacerdote Manolo Ares, e xa, por fin, a tan agardada imaxe da Virxe do Carme. A patroa volvía lucir en todo o seu esplendor o seu traxe e mailo manto de festa que estreou hai perto dunha década, acompañado desta vez, outra novidade máis, dunha mantilla nova, de encaixe de Chantilly traída especialmente dende Barcelona e obsequio dun devoto. Tras desta imaxe o equipo pastoral de Santa María das Pontes ao completo, José Vega, Javier Santiago e Manuel Ares, acompañados tamén por Don Uxío García Amor, e polo Pai Salvador León Belén, da congregación relixiosa dos Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María, fundada polos Claretianos, que axudou ao equipo pastoral na celebración das misas de novena en honra á patroa. A escasos metros o equipo de goberno ao completo, en primeira liña o alcalde Valentín González Formoso, a concelleira de cultura e presidenta da Comisión de Festas, Sara Ramos; a tenente de alcalde, Montserrat García Chavarría, o concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, José Alén e a edil de emprego, Ana Pena; e xunto a eles os tamén concelleiros, Antonio Castro, de Medio Rural; Antonio Lourés Rebolo, de Obras; o edil de Xuventude, Jesús Tembrás; o de Seguridade Eladio Bozua; a concelleira de Persoal, Jessica Lago; e finalmente o concelleiro de Deportes, Carlos Castro. Unha comitiva que completaban representantes do posto local da Garda Civil, das distintas asociacións da Vila e os integrantes da Comisión de Festas. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, como todos os anos, velou para que ninguén interrompise o paso da Virxe do Carme e do seu séquito. E ao chegaren á Praza do Hospital, Banda de Música e Coral Endesa As Pontes interpretaron conxuntamente a Salve Mariñeira Ao seu remate seguíalle unha impresionantes sesión piromusical para desfrute de todos os veciños e veciñas asistentes a esta cita. Xa na praza da Igrexa Parroquial de Santa María das Pontes dende Cáritas Parroquial aproveitouse para esixir xustiza para os millóns de persoas que viven na pobreza e na necesidade. Remataba este sinxelo acto co son de oito badaladas que corresponden aos obxectivos do Milenio, oito propósitos de desenvolvemento humano que os 189 países membro das Nacións Unidas acordaron conseguir para o ano 2.015, alimentación, sanidade, educación, igualdade entre os xéneros, reducir a mortandade infantil, mellorar a saúde materna, garantir o sustento do medio ambiente, e fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento. Tras este acto, recibíase xa na Igrexa as imaxes da Virxe do Carme, o neno Xesús do Carmelo e María Magdalena. Para a mañá seguinte estaba previsto que estas mesmas imaxes fixeran o camiño de retorno á Capela do Carme, pero estes plans non se puideron cumprir e o estandarte da Virxe do Carme e maila imaxe do neno Xesús do Carmelo quedaron na Igrexa, ao non haber portadores que os quixeran levar consigo. Dende o equipo pastoral de Santa María das Pontes intentouse ata o último momento conseguir voluntarios e de feito, a imaxe de María Magdalena estivo tamén a piques de quedarse na Igrexa Parroquial de Santa María das Pontes, de ahí o retraso de case tres cuartos de hora na saída da procesión de subida Acompañando ás imaxes santas a Banda de Gaitas Alfaia, 7 nenos e nenas que nesa xornada recibiron a súa Primeira Comuñón, e a Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes. Percorreron a Avenida de Galicia, Rúa Rosalía de Castro, e Avenida de Ferrol, denantes de chegar á Praza do Carme onde xa lles esperaba a alfombra floral, deseñada este ano por Carolina Díguele, autora tamén do cartel anunciador das festas do Carme e A Fraga. Unha alfombra floral na que estiveron a traballar preto dunha vintena de veciños e veciñas das Pontes dende as cinco da madrugada do sábado e que tras un intenso traballo, quedaba preparada a iso das dez da mañá. Xa todos reunidos na Praza do Carme celebrouse a misa cantada pola Coral Endesa As Pontes e seguidamente realizouse a ofrenda floral á Virxe do Carme. Os actos litúrxicos remataban na mañá do luns coa celebración da misa de cofrades e en honra a María Magdalena, oficiada polos sacerdotes Javier Santiago e Salvador León, e á que lle seguiu a procesión de María Magdalena ata o cruceiro da Praza do Carme, un acto solemne que representa a visita de María Magdalena ao Santo sepulcro, e volvendo ao templo para celebrar a resurrección de Xesús.

No hay comentarios:

Publicar un comentario