martes, 13 de agosto de 2013

A Carreira da Muller da Coruña contará coa presenza de máis de 150 veciñas de As Pontes

153 mulleres pontesas anotáronse xa na 1ª Edición da Carreira da Muller da Coruña, que se vai celebrar o vindeiro 22 de Setembro. A competición ten un carácter solidario, e é que parte dos fondos que se recaden se destinarán á loita contra o cancro de mama. Dende As Pontes nada máis coñecerse a convocatoria desta proba o Clube de Atletismo Olympo tomou a iniciativa de presentarse como asociación de mulleres facendo un chamamento público a todas as mulleres das Pontes e iniciando adestramentos enfocados a distintos niveis. Na Carreira da Muller poderán participar todas aquelas mulleres maiores de 12 anos que o desexen, sempre e cando estean correctamente inscritas, tanto en tempo como en forma. De feito, o prazo de inscrición estará aberto ata o día 18 de Setembro ou no intre no que se chegue ás 3.000 corredoras e prezo da inscrición é de 8 euros por corredora que se aboarán no momento de apuntarse tanto nos puntos de inscrición como tamén na páxina web da carreira. No caso de As Pontes, o Clube de Atletismo Olympo xestiona as inscricións das mulleres que así o desexen, debendo unicamente as interesadas achegarse ata Opticalia, a óptica da Avenida de Galicia, e cubrir alí a correspondente folla de inscrición. Poderase participar nas categorías individuais, ou por equipos. No caso do Olympo a inscrición é na categoría de asociacións de mulleres Dende As Pontes sairán o domingo 22 de Setembro, sobre as oito da mañá, os autobuses necesarios para traslar ás participantes ata a cidade herculina. A proba comezará ás dez da mañá na Praza de María Pita, e o tempo máximo para completar o percorrido de cinco quilómetros será de unha hora e media. O percorrido completo poderase consultar na páxina web www.carreradelamujer.com. Dende o Clube de Atletismo Olympo non queren deixar escapar esta oportunidade, este intre no que tantas veciñas se están apuntando a camiñar ou correr e xa se barallan novas actividades para o outono-inverno. Para calquera consulta relativa ao clube de atletismo Olympo poden consultar o blog atlestismoolympo.wordpress.com ou ben contactar coa dirección desta entidade mediante o seu espazo en facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario