martes, 13 de agosto de 2013
O Circuíto do Barbanza de Volley Praia chega esta fin de semana á praia do lago de As Pontes
A praia do lago está a ser o escenario perfecto para a celebración de múltiples actividades deportivas e por suposto lúdicas, e proba delo son os campionatos de vela ou de piraguismo que tiveron lugar na nosa vila estes meses pasados ou a nova actividade que, esta fin de semana, ateigará de público o areal pontés.
Trátase da terceira proba de volley praia, incluída no Circuíto do Barbanza, e que, durante todo este mes de agosto se desenvolverá en varios areais galegos.
Boiro, A Pobra do Caramiñal e As Pontes serán os tres escenarios que albergarán esta cita deportiva, a XIII xa que se organiza con este deporte como eixo central e coa que, este verán, quixo colaborar o propio concello pontés.
O primeiro Open Praia Fluvial de As Pontes organizado polo departamento de xuventude do Concello de As pontes acollerá así, os vindeiros días 17 e 18 de agosto, o relevo da Praia de Barraña en Boiro, e traerá ata a nosa vila a diferentes parellas tanto de categoría masculina coma feminina, parellas que aínda están a tempo de anotarse xa que non será ata o xoves cando se peche o prazo de inscrición.
Cada equipo deberá aboar 20 euros en concepto de inscrición podendo, deste xeito, competir por lograr diferentes premios económicos e que irán en función da cifra de anotados en cada categoría.
Para inscribirse é necesario telefonar ao 629 82 49 57 ou ben enviar un correo electrónico cos datos dos participantes ao enderezo circuitobarbanzavoleyplaya@hotmail.com.
No tocante ás normas da competición, todo o torneo se xogará ao mellor dun set de 21 puntos con diferenza de dous, a excepción das semifinais e finais que serán ao mellor de tres sets, tamén de 21 puntos. Os horarios e emparellamentos daranse a coñecer este mesmo venres, mediante a páxina de facebook deste circuíto barbanza de voley praia ou ben a traverso da web www.circuitobarbanzavoleyplaya.blogspot.com, onde tamén é posible atopar toda a información sobre esta novidosa cita deportiva.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario