


A Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio; mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, fixo entrega, o pasado venres dos diplomas correspondentes ao curso de atención ao cliente que este departamento impartiu gratuitamente o pasado mes de xuño.
Así, unha ducia de comerciantes ponteses acudían ao chamamento realizado dende a concellería que dirixe Montserrat García que, unha vez máis, apostaba por ofrecer novos recursos formativos ao tecido comercial e hostaleiro da nosa vila.
A empresa Gestionplus foi a encargada de impartir este obradoiro no que se deron a coñecer os diferentes compoñentes da comunicación verbal, non verbal e escrita; a identificación ao diferente tipo de cliente co que se pode atopar ou ás liñas de comunicación a seguir cando se está a atender unha chamada telefónica dun cliente.
Asemade, tamén se abordaron outros aspectos durante este taller coma as diferentes fases de atención ao cliente ou as técnicas e ferramentas para lograr a fidelización dunha persoa que se decide a confiar nos seus servizos ou as canles de actuación a seguir no caso de que se rexistrase algún tipo de conflicto co cliente.
Dende a concellería que dirixe montserrat García tamén daban conta, nesta entrega de diplomas, das novas actividadse formativas que teñen previsto desenvolver en vindeiras datas. Así atendendo á demanda dos propios comerciantes, está previsto que denantes de que remate o ano se desenvolva un curso de escaparatismo e xa a principios de 2014 un segundo curso adicado ao marketing.
Por outra banda, a concelleira lembraba aos presentes a posta en marcha da nova Rede Box dirixida á recepción de mensaxes sobre a programación cultural ou deportiva que se desenvolverá en As Pontes, co fin de axeitar a súa oferta ás actividades que se organicen no concello e adiantaba que xa se está a idear un novo Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes que será o 1 ou o 3 de novembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario