martes, 17 de septiembre de 2013

Once modalidades deportivas dirixidas aos máis pequenos integran a oferta do Concello de As Pontes para os nenos e nenas da vila

As escolas deportivas municipais para nenos abriron hoxe o seu prazo de inscrición para o novo curso 2013-2014. Un total de once disciplinas deportivas integrarán a oferta para os máis novos posta este ano en marcha dende a concellería que dirixe Carlos Castro e que permiten que pequenos, dende os 3 anos, teñan a oportunidade de adentrarse no mundo do deporte. Así, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, será posible formalizar a pertinente matrícula nas oficinas da concellería de Deportes, ubicadas no pavillón municipal da fraga, en disciplinas coma o taekwondo, a vela, o atletismo ou a ximnasia rítmica. No tocante á oferta para este curso, para maiores de 3 anos ofreceranse deportes coma a patinaxe, que será os xoves en Monte Caxado de 18.00 a 21.00 horas; psicomotricidade que se desenvolverá os martes e xoves, entre as 517.00 e as 19.00 na piscina municipal ou ximnasia rítmica, cuias clases terán lugar os martes, xoves ou venres dende as 17.00 horas no ximnasio da Magdalena ou no pavillón municipal. A partir dos 4 anos xa será posible tamén anotarse na escola deportiva de taekwondo que ofrecerá clases os martes e xoves de 17.00 A 19.30 horas no pavillón municipal, e xa de 5 anos en diante a oferta deportiva ampliarase tamén ás escolas de axedrez, baloncesto e atletismo, con clases durante a semana a partir das 16.00 horas. Un pouco máis maior hai que ser para anotarse ás clases de tenis, dirixidas a maiores de 6 anos e que se desenvolverán os martes e xoves de 16.00 a 22.00 horas, segundo o nivel e idade, no ximnasio do Castro da Uz ou ben nas pistas da Canle IV, se o tempo acompaña. Xa para maiores de 8 anos irán dirixidas as clases de tiro con arco e piragüismo, as primeiras os martes, mércores e venres dende as 17.00 horas na boleira do Lar e nas dependencias do clube Silex e as segundas os venres e domingos de 18.00 a 21.00 horas no encoro da Ribeira. Completa a oferta formativa a escola deportiva de vela, dirixida a maiores de 10 anos que saiban nadar. Estas clases desenvolveranse os domingos de 10.00 a 14.00 horas a 2 da tarde no encoro da Ribeira. Para anotarse coma sempre é preciso cubrir o pertinente impreso e aboar as taxas de matrícula que van dos 40 euros dunha escola deportiva aos 20 euros se se anotan en máis de tres modalidades deportivas. Coma sempre haberá descontos para as familias numerosas. Para obter máis información sobre horarios ou inscricións é posible consultar a páxina web do concello no enderezo www.aspontes.com ou ben achegarse ata as oficinas do pavillón municipal. Asemade, tamén será posible telefonar ao 981 45 26 02. E dunhas escolas que veñen de abrir o seu prazo de matrícula a outras que pechan mañá o seu prazo de prematrícula como son as escolas culturais. Dende a concellería que dirixe Sara Ramos ofertaranse para este curso un total de oito modalidades que van dende a gaita ao baile moderno, pasando polas clases de acordeón ou de pandeireta. Así, dende a pasada semana os alumnos que rematasen o curso 2012-2013 poden renovar a súa praza para o novo ano, tendo ata mañá para formalizar este trámite e entendendo que, de non renovar praza, renuncian á mesma. Estes xa alumnos veteranos deberán achegarse ata as oficinas do departamento municipal de cultura ata mañá ás 19.00 horas para formalizar a súa matrícula e realizar o pago da cota de 40 euros correspondente á modalidade ofertada. Unha pechada esta prematrícula, pasarán a poñerse a desposición dos novos alumnos as prazas vacantes e que se farán públicas este mesmo xoves no taboleiro de anuncios da concellería de cultura. Xa o venres abrirase o prazo de matrícula para novos alumnos nas modalidades que aínda conten con prazas libres pero, tal e como xa é habitual, de rexistrarse máis solicitudes que prazas vacantes realizarase un sorteo das mesmas. No tocante á matrícula ordinaria, todos aqueles novos alumnos deberán presentar un impreso de solicitude, unha foto tamaño carné e o recibo do pagamento da escola en cuestión. Para obter máis información sobre estas prazas ou realizar calquer tipo de consulta é posible telefonar ao 981 44 03 44, acceder á web municipal www.aspontes.com ou ben achegarse ata o departamento de Cultura ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario