viernes, 11 de octubre de 2013

O presidente de Sogama visitou onte As Pontes co fin de coñecer as obras e futuros usos da escola unitaria das Campeiras que se converterá na primeira escola de reciclaxe de Galicia

O presidente de Sogama visitou onte As Pontes co fin de coñecer os traballos e proxectos que se pretenden desenvolver na escola unitaria das Campeiras e que está a ser, nestes días, obxecto dunha importante remodelación. Previamente, Luis Lamas mantiña un encontro co alcalde de As Pontes, Valentín Gonzalez Formoso, e cos presidente e xerente da Asociación Euroeume, Xosé Castro e Miguel Teixido, respectivamente. Durante esta reunión, o primeiro edil pontés trasladoulle ao representante de Sogama o que se pretende acadar coas obras da escola das Campeiras e que servirán para crear a primeira escola galega de reciclado coa que se busca tanto formar a escolares coma a adultos na importancia da reciclaxe. De feito, a idea do cabildo pontés pasa por lograr a colaboura de Sogama e da Deputación da Coruña á hora de desenvolver diferentes actividades neste centro e que estará rematado o vindeiro mes de novembro, tras unha inversión de case 94.000 euros e os traballos da empresa local Maren. O propio Luis Lamas, que tomaba boa nota das ideas tanto expostas polo alcalde de As Pontes coma polos membros de Euroeume tamén daba conta de diferentes actividades vencelladas coa reciclaxe postas en marcha polo organismo que preside, coma os cursos de elaboración de receitas con sobras de alimentos e que deron lugar á edición dun libro de receitas que tamén se pode consultar na propia web de Sogama. Precisamente este curso está xa confirmado, como un dos contidos que se lle van aportar á administración local para dar un uso regular á pioneira instalación que teremos no noso municipio. Os diferentes cursos, obradoiros e iniciativas formativas que se emprendan, vanse ofertar a todas as idades. Anque o maior protagonismo será para a comunidade escolar, vaise implicar tamén a asociacións, entidades, e particulares, para chegar ó maior número de veciños, e acadar un maior compromiso coa reciclaxe. Onte mesmo púñase sobre a mesa unha situación especialmente grave, que é o mal emprego dos contedores amarelos. Como resultas deste, unha recollida que debería supoñer mesmo unha aportación para o concello por boas prácticas está a custarnos cartos das arcas públicas locais. Como punto e final á súa estadía en As Pontes, o presidente de Sogama xunto co alcalde, os membros de Euroeume e o edil de Medio Rural, Antonio Castro, visitaron os traballos da futura escola de reciclaxe das Campeiras e que avanzan a moi bo ritmo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario