viernes, 11 de octubre de 2013
A XXIV Feira de Fungos e Cogomelos repartirá o primeiro de novembro 1.000 euros entre as mellores cestas micolóxicas
Os interesados en participar neste certame terán ata o 31 de outubro para inscribirse no departamento municipal de Cultura
O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, ven de abrir o prazo para anotarse no certame de cestas da XXIV Feira de Fungos e Cogumelos, e que terá lugar o 1 de novembro, co fin de fomentar a afección á micoloxía e contar cun mellor coñecemento sobre as especies da zona.
O departamento que dirixe Sara Ramos repartirá máis de 1.000 euros en premios entre as cestas mellor engalanadas e as que conten con máis e mellores exemplares micolóxicos.
Cada cesta deberá contar como mínimo con dez especies diferentes de fungos que estarán debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán presentarse na Praza de América, lugar onde terá lugar a exposición de cestas, entre as 09.00 e as 11.00 horas.
Cada concursante tan só poderá presentar unha cesta que será sometida á avaliación do xurado composto por persoas especializadas na materia que analizará as diferentes propostas dende as 11.00 horas.
Os participantes deberán manter a súa exposición ata, a lo menos, ás 14.00 horas, recibindo 20 euros en concepto de desprazamento no caso de non resultar premiados.
Os gañadores recibirán os seus premios en torno ao mediodía, no escenario que se habilitará no patio do colexio Santa María e polo que pasarán os gañadores dos diferentes premios ás cestas mellor engalanadas ou as que conten con maior número de especímenes.
Así o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 180 euros, o terceiro de 120 euros e, finalmente, o cuarto e quinto clasificados levarán cadanseu premio de 80 e 60 euros respectivamente. Asemade, concederase un premio especial de 300 euros.
Para anotarse a este certame tan só é preciso inscribirse no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 03 44 ou remitindo un correo electrónico a cultura@aspontes.org denantes das 14.00 horas do vindeiro 31 de outubro. Asemade, os participantes deberán confirmar a súa asistencia o propio día da feira denantes das 10.30 horas no posto de Cultura que se instalará para tal fin, onde cada concursante recibirá o seu número de participación.
Para obter máis datos sobre este certame, o propio concello conta, na súa páxina web, con información máis extensa sobre este concurso e que se pode ampliar no espazo www.aspontes.com.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario