viernes, 11 de octubre de 2013
Comeza a creación do conto viaxeiro “Aventura na Terra das Pontes”.
Estudantes de primaria de todos os centros de ensino da Vila participan desta campaña do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de As Pontes.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello das Pontes poñía en marcha, hoxe mesmo, a campaña de animación á escrita O Conto Viaxeiro. Unha campaña patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta mañá desenvolvíase a primeira sesión de traballo. Foi no colexio Santa María, cos estudantes de 3º de Primaria como protagonistas. A este grupo correspondeulle iniciar o conto viaxeiro “Aventura na Terra das Pontes” dándolle vida á súa personaxe principal, un grou.
A vindeira semana outro grupo recuperará o traballo iniciado por estes estudantes e continuará dándolle forma a esta historia. En total serán dous meses de traballo que terán como resultado final un conto narrado e ilustrado polos nosos estudantes e co patrimonio material e inmaterial da contorna como fío condutor.
Nos próximos días poderase seguir, a través do blog do proxecto cvaspontes.wordpress.com, o proceso de elaboración do conto e incluso poderase acceder a un videoconto que irá tomando forma semana tras semana. De igual modo, ao remate das sesións poderase descargar o traballo completo. Neste mesmo blog disporase tamén dun apartado de recursos, no que se colgarán actividades para realizar cos nenos e nenas na casa e nas aulas.
Dous monitores da empresa de actividades culturais Fabaloba son os encargados de dirixir o Conto Viaxeiro, traballando as capacidades creativas dos estudantes, en todas as súas vertentes, a lectura, a escrita e o deseño.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario