

Unha vintena de rapaces e rapazas de Primeiro de Educación Secudaria e de Cuarto de Primaria foron os encargados na tarde de onte, de inaugurar a sesta edición dos obradoiros de conversa en lingua inglesa que, cada ano, oferta gratuitamente o concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais.
Medio cento de estudantes de entre 9 e 13 anos tomarán parte ata que remate o curso 2013-2014 nestas clases semanais de conversa, coas que se busca que os participantes empreguen os recursos gramaticais aprendidos na escola pero xa á hora de manter conversas, tendo sempre como base situacións propias da vida cotiá.
Neste caso será Alice, a mestra encargada de dirixir estas clases ás que xa o vindeiro luns se sumarán os grupos de 3º, 5º e 6º de Primaria e que terán como escenario as dependencias do colexio Monte Caxado.
Precisamente, ata este centro educativo se desprazaba onte o edil de Servizos Sociais. José Alén quixo compartir cos máis pequenos esta primeira xornada na que, como non podía ser doutro xeito, se comezaba coas tradicionais presentacións propias de cada inicio de curso e con xogos e actividades orais dirixidas a fomentar a confianza entre estes novos compañeiros de curso e a que a mestra coñecese o nivel de cada alumno, actividades que se complementarán con xornadas en exteriores xa que, ao longo do curso, está previsto que se desenvolvan xogos noutros puntos da nosa vila como Vilarbó.
Así pequenos coma Uxía, Antón, Sara, Raquel, Nuria ou Álvaro puideron compartir xa neste primeiro día algunhas conversas na lingua de Shakespeare e que serán a tónica destas clases semanais nas que a gramática queda a un lado e o importante e facer da lingua inglesa un idioma coñecido para os pequenos e sobre todo utilizado.
A vindeira semana o programa de inglés de conversa xa arrincará na súa totalidade coa incorporación dos tres cursos restantes que o luns, dende as 17.00 horas, se sumarán a este programa gratuíto que, ano tras ano, está a ser todo un éxito e un gran recurso para aquelas familias que buscan que o inglés dos seus pequenos non quede só nos exercizos de gramática da escola e se traslade á vida cotiá, converténdose nun recurso do máis útil para o futuro destes nenos e nenas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario