
Non puido ser mellor a acollida da nova edición do concurso de tapas que estes días se desenvolve na nosa vila. A satisfacción é a tónica xeral nos hostaleiros participantes, que nestes días ven como se amplia e suma a súa clientela, algo que foi especialmente palpable a fin de semana en que moitos dos establecementos contaron por varios centos as tapas repartidas diariamente.
Son 22 bares, mesóns e restaurantes, ofrecendo cadansúa tapa ó prezo de tan só un euro, coas que que se busca volver reivindicar o lema "Saborea As Pontes", todo isto mediante a organización da Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comecio e o Instituto Pontés de Promoción Económica.
O éxito culinario estaba garantido cuns establecementos que manteñen e mesmo superan os máis altos niveis de calidade das catro edicións precedentes e que ofrecen tapas do máis sorprendentes e, sobre todo, saborosas.
O concurso prolongarase ata o domingo e para os veciños e visitantes temos un incentivo que é o que supoñen os premios que se outorgan a traverso das papeletas que deben ser depositadas nos establecementos cos nosos votos. Ademais da tapa escollida por medio da votación popular estará o premio que outorgue o xurado á tapa con mellor presentación
Para degustar as diferentes propostas temos todos os días un prazo que vai de 12.00 a 14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas e que se prolongará ata o vindeiro domingo, día 20.
O peche desta nova edición farase cun acto de clausura e entrega de premios do certame de tapas celebrarase o venres 25, ás 19.00 horas, na Casa Dopeso, despois de que o día 21 sexan recollidas todas as urnas cos votos do xurado popular nos distintos establecementos da localidade. O sorteo de premios do público celebrarase o día 22 ante a secretaria do Concello e os premiados deberán acudir o 25 ao acto de clausura para recibir os seus galardóns e que, nesta ocasión, se traducen en 10 vales de 50 euros a gastar nos establecementos participantes neste quinto Saborea As Pontes.
O prestixio gastronómico de As Pontes, unha vila que en boa medida basea a súa economía na hostalaría, volvía quedar patente coa oferta das tapas deste ano, que son xa unha referencia en toda a bisbarra.
Peixe, marisco, carne, legumes e verduras en todo tipo de prebes, con diferentes acompañamentos e por suposto con distintos métodos de preparación serán as estrelas das consumicións dos ponteses e pontesas, ademáis de visitantes, que durante estes días xa desfrutaron e desfrutarán da imaxinación e creatividade dos fogóns dos restauradores da nosa vila.
De feito o listado das tapas deste saborea as pontes 2013 inclúe pratos coma lomo de porco asado, do mesón a Bodega; o espeto de mar e terra da fervenza, as croquetas das Tres Pontes, os escalopíns con prebe de queixo do bar La Cueva, o rolo de filete de tenreira con xamón e prebe do Bar As Campeiras,o guiso do Centro, as marabillas do mar ideadas polo Carboeiro, o espeto de peixe e marisco da Cepa ou os pingüinos da Caseta do Parque.
Non faltan as verduras, ingrediente do prato que presenta o bar Las Torres e a Cafetería Porta do Eume; ou a francesiña ideada polo Vales ao que se suman atractivas propostas coma o arroz branco con luras do bar Calvo, a mestura de doce e salgado de Casa Teresa; as piruletas de zamburiñas de La Capilla ou a tosta do bar Dreams.
As esencias da nosa terra estarán presentes na aposta culinaria do Trastoy 3, xunto co marisco galego, con langostinos con pan xaponés que ofrecerá o Hotel Pontes do Eume ou un saboroso peixesapo que será o ingrediente principal da tapa do Mesón Ana.
O gañador de 2012, o Mesón O Martínez, tamén intentará revalidar título co seu solombo de tenreira da casa, namentras que O Marbella apostará por unha mestura de fabas con ameixas. Completa o listado de tapas deste ano, a Maikeliña do Trastoy, un pincho con pementos, ovo e freixós, listado que podemos consultar nas diferentes guías editadas polo concello e na que poderemos non só consultar o nome e composición de cada tapa senón tamén a localización do bar, mesón ou restaurante responsable da súa preparación.
Agora durante os cinco días que aínda quedan de certame tan só nos queda desfrutar das grandes creacións gastronómicas dos nosos cociñeiros e camareiros favoritos e deixarnos engaiolar pola súa maxia nos fogóns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario