jueves, 12 de diciembre de 2013

A Campaña Merca nas Pontes repartirá 3.000 euros en vales de compra entre os que se decanten polo comercio pontés para as súas compras de Nadal

Un dos sinais máis identificativos de que xa estamos no Nadal son as compras para estas festas e, un ano máis, dende a Asociación de Comerciantes e Empresarios de As Pontes vaise premiar a confianza dos veciños e veciñas nos establecementos da vila mediante a campaña Merca nas Pontes. Dez son os anos que celebra esta campaña que arrincaba o pasado luns, día 9, e que se prolongará ata o 5 de xaneiro, co reparto entre os clientes dos comercios participantes de distintas rifas para tomar parte nos sorteos de tres importantes premios en vales de compra que se realizarán tralas festas de Nadal. A mecánica desta campaña será a habitual, xa que cada consumidor que realice a súa compra nalgún dos 35 establecementos colaboradores este ano recibirá unha rifa cun número para participar no sorteo de tres premios por un total de 3000 euros, canxeables precisamente nos comercios que toman parte nesta campaña e que xa se atopan identificados co cartel deste ano que, unha vez máis, deseñaba Luís Díaz Faes. Zapaterías, tendas de roupa, de complementos, decoración ou agasallos, ferraxería, xoierías,librerías, ópticas, tendas de deportes ou de xoguetes e ata establecementos de suministros do máis variopintos integran o listado de participantes nesta campaña que, unha vez máis, conta co respaldo do Concello de As Pontes e a Asociación Amigus, e que repartirá un premio de 1500 euros, un segundo premio de 1000 euros e un terceiro premio de 500 euros a gastar nos comercios participantes, ata un máximo de 100 ou 200 euros por establecemento. De feito, os tres números gañadores publicaranse o mesmo día do sorteo, programado para o 11 de xaneiro, tanto na páxina web www.amigus.org coma en www.mercanaspontes.com, ademáis de nos medios de comunicación local. Os agraciados terán unha semana para achegarse ata a oficina da Asociación de Empresarios, na avenida da Habana, e así reclamar o seu premio, xa que de consumirse os sete días dende o sorteo, pasarase aos números suplentes. Agora tan só queda probar sorte e, asemade, botar unha man ao comercio que temos máis preto da casa, que pertence a eses veciños e veciñas que a diario nos atopamos pola rúa e que fan que a economía pontesa continúe a funcionar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario