martes, 24 de diciembre de 2013

Cine, música e deporte serán, esta semana, os reis da programación cultural do Concello de As Pontes

¨ O grupo vigués Broken Peach, as panxoliñas da A.C. Alende ou unha nova edición do Campus de Basket integran o listado de actividades ideado para esta semana de Nadal O departamento de Cultura do Concello de As Pontes retomará, trala celebración do día de Nadal, a súa programación de actividades para estas festas. Cine, actividades deportivas, panxoliñas e música integrarán a axenda cultural dos vindeiros días comezando o mesmo día 26 coa inauguración do IV Campus de Basket que organiza o concello e o Clube de Baloncesto As Pontes e que se desenvolverá nos pavillóns de Monte Caxado, A Magdalena e Castro da Uz ata o 30 de decembro. Asemade, o día 26 arrincará o cine de Nadal, co pase do filme El llanero solitario, que se proxectará o día 26 ás 20.30 horas, no auditorio municipal Alovi a un prezo de 3 euros. Tamén o día 26 haberá música xa que os integrantes da Asociación Cultural Alende ofrecerán aguinaldos por diferentes puntos do casco urbano, dende as 17.00 horas. Xa para o venres 27, os integrantes da Escola Municipal de Baile Moderno e Danza Clásica visitarán o Pazo da Cultura de Narón, onde darán vida ao espectáculo Cine, que serviu para celebrar a fin de curso destas escolas o pasado mes de xuño. Ás 20.30 horas está previsto que arrinque este espectáculo. Xa para o sábado 28 contarase coa presenza en As Pontes da formación viguesa Broken Peach que ofrecerán un concerto de Nadal nas dependencias do Auditorio Municipal Alovi. O concerto dará comezo contra das 20.00 horas aínda que as entradas poderanse mercar a mesma mañá do sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas, ou xa á tarde dende as 18.30 horas e ata o inicio do recital. O seu prezo será de 3,50 euros. A programación ata a fin do ano pecharase con nova sesión de cine no Auditorio Municipal Alovi. Será o luns 30 de decembro e con dous filmes dirixidos tanto ao público infantil coma para os adultos. Así para a sesión infantil está previsto que se proxecte Monstruos University, dende as 18.00 horas, e a un prezo de 1,50 euros, namentras que para o público adulto optouse polo filme de acción Malavita, protagonizado por Michelle Pfeiffer, Robert De Niro e Tomy Lee Jones, e do que será posible desfrutar dende as 20.30 horas e tan só por 3 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario