jueves, 2 de enero de 2014

A visita dos Reis Magos pechará a programación de Nadal do Concello de As Pontes

¨ Á marxe da Cabalgata de Reis, durante esta semana tamén haberá cine, títeres, música e ata un partido amigable de fútbol sala Coa chegada do novo ano, o Concello de As Pontes retomará a programación de Nadal e que se prolongará ata que, o vindeiro 5 de xaneiro, as súas Maxestades de Oriente visiten o municipio pontés. De feito, para os vindeiros días, dende a concellería que dirixe Sara Ramos, continuarase na liña destes días atrás con novas sesións de cine, actividades para os máis pequenos e ata citas deportivas. Así as cousas, mañá, no polideportivo municipal da Fraga abrirase unha tarde adicada aos xogos infantís e con actividades e hinchables do máis diversos e adaptados a pequenos de todas as idades. Dende as 16.00 horas terá lugar esta festa infantil que será de entrada libre para todos os pequenos que desexen desfrutar da mesma. Xa algo máis tarde, ás 20.30 horas, e no auditorio municipal Alovi como escenario, retomarase o ciclo de cine de Nadal, nesta ocasión co filme Thor. El mundo oscuro, a segunda parte das aventuras do heroe da Marvel, Thor e da que será posible desfrutar con tan só aboar unha entrada de 3 euros. E para o venres 3 de xaneiro, novamente, os títeres serán os protagonistas con dobre sesión da compañía Títeres Trompicallo. Así á mañá, ás 11.00 e ás 12.00 horas, na Escola Infantil A Barosa representarase a montaxe O día que chegou unha nube e choveu, unha obra tan só dirixida ao alumnado deste centro educativo. Á tarde a compañía coruñesa estará na Casa Dopeso cun espectáculo xa en aberto, dirixido a maiores de 3 anos. Nesta ocasión, presentarán en As Pontes Osiño. As entradas terán un prezo de 1.50 euros para o público infantil e de 3 euros para adultos. Tamén o día 3 de xaneiro haberá cine e cun novo heroe da factoría Marvel: Lobezno. Así o auditorio municipal Alovi acollerá a proxección de Lobezno Inmortal, dende as 20.30 horas e por un prezo de 3 euros por cada localidade. Para a xornada do 4 de xaneiro contarase con música: a dos integrantes da Banda Xuvenil de Música, a súa escola e a Banda Cultural e Recreativa, dende as 19.00 horas no auditorio municipal Alovi, e tamén con fútbol sala co amigable entre unha selección da Asociación de Xogadores de Fútbol Sala de Galicia e un combinado dos xogadores da liga local. Será ás 17.30 horas no polideportivo municipal da Fraga e con entrada libre. A semana pecharase coa visita de Melchor, Gaspar e Baltasar aos nenos e nenas de As Pontes cunha cabalgata de Reis que o domingo, 5 de xaneiro, partirá ás 17.30 horas, da avenida Monte Caxado para, posteriormente, percorrer as rúas do centro urbano. As súas Maxestades de Oriente repartirán, durante o seu percorrido, quilos e quilos de doces entre os nenos e nenas que se atopen na rúa e rematarán o seu periplo na Casa do Concello. Alí, dende o balcón, recibirán de man do alcalde de As Pontes, as chaves que abren as portas das casas de todos os nenos e nenas do municipio e, posteriormente, recibirán, no Salón de Plenos a visita daqueles pequenos e pequenas que desexen achegarse a eles para facelos partícipes das súas peticións para a que é a noite máis máxica do ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario