sábado, 4 de enero de 2014

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán mañá á tarde o Concello de As Pontes

O departamento municipal de Cultura foi o encargo de deseñar esta máxica visita e tamén de darlle un novo aspecto ás carrozas que usarán as Súas Maxestades de Oriente Poucas horas quedan xa para a tan agardada noite de Reis e, de seguro que, pequenos e maiores están a deixar nos buzóns reais as súas misivas coas últimas peticións para o ano que ven de comezar e das que tomarán boa nota Melchor, Gaspar e Baltasar. Como ven sendo habitual, as súas Maxestades de Oriente farán, mañá, un alto no seu camiño para pasarse por As Pontes e, deste xeito, atender ás peticións dos ponteses e pontesas máis novos. Como non podía ser doutro xeito, o departamento municipal de Cultura será o encargado de organizar esta visita que arrincará na Residencia da Magdalena, onde Melchor, Gaspar e Baltasar compartirán agasallos cos seus usuarios e tamén os doces típicos destas festas. Posteriormente, o protagonismo será para os nenos e nenas de As Pontes nunha Cabalgata que arrincará dende aAvenida de Monte Caxado, onde está previsto que se estacionen as carrozas que levarán a Melchor, Gaspar e Baltasar, ademáis de aos seus paxes, e que este ano cambian de decoración, un cambio de deseño co que tamén colaborou a Coordinadora de Ampas Abrente. Ás 17.30 horas dará comezo o percorrido dos Reis Magos polas rúas pontesas, unha comitiva que percorrerá as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia ou Rosalía de Castro, para rematar percorrido na Avenida de Ferrol, a carón da Casa do Concello. Durante este paseo, Melchor, Gaspar e Baltasar non só saudarán a aqueles que os agarden nas beirarrúas, senón que tamén repartirán 400 quilos de doces. Tras saudar a todos os nenos e nenas de As Pontes dende as súas carruaxes, tocará a parte máis institucional desta visita das Súas Maxestades e é que o alcalde Valentín González Formoso fará entrega aos Reis Magos das chaves que abren as portas das casas de todos os nenos e nenas do municipio. Asemade, darase lectura a algunha das cartas que, nestes días, se estiveron a depositar no buzón real que se instalou nos soportais da Casa do Concello. Non faltará a recepción a todos os nenos e nenas que desexen achegarse aos Reis de Oriente e é que, o Salón de Plenos, engalanarase un ano máis para recibir aos Reis Magos. Ata alí tamén se poderán desprazar os nenos e nenas que queiran transmitir a Melchor, Gaspar e Baltasar aqueles últimos agasallos que, ao día seguinte, de seguro que estarán a carón das súas árbores de Nadal. No caso de que a climatoloxía non acompañe, suspenderase o percorrido das carrozas reais polas rúas do casco urbano e as Súas Maxestades de Oriente trasladaranse directamente á Casa do Concello onde recibirán aos máis pequenos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario