domingo, 5 de enero de 2014

Os Reis Magos de Oriente visitaron o domingo aos nenos e nenas de As Pontes

A ilusión, a inocencia, a maxia e a fantasía ateigaron, na tarde do pasado domingo, as rúas máis céntricas do casco urbano e é que Melchor, Gaspar e Baltasar non podían faltar á súa cita anual cos nenos e nenas de As Pontes. Un ano máis, as Súas Maxestades volvían traer as súas maxestuosas carrozas á nosa vila, na compaña dos seus paxes, co fin de saudar a todos os nenos e nenas do municipio e repartir 400 quilos de saborosos caramelos de todos os sabores. Contra das 17.30 horas, e dende a xa acostumada Avenida de Monte Caxado, as tres carruaxes, engalanadas en ouro e prata, e comandadas por cadanséu rei, partían en dirección á avenida de Ortigueira co fin de percorrer as principais avenidas pontesas, e coma sempre, coa escolta de músicos locais. De feito, a formación tradicional Os Trevillas era a encargada de abrir unha comitiva real que lideraba o gran Melchor, coa súa barba branca e un fermoso traxe de cor azul. Tras del, Gaspar, vestido de vermello, non paraba de saudar a grandes e pequenos e de repartir, coa axuda do seu séquito, moitos doces entre aqueles e aquelas que, malia o frío da xornada, non se quixeron perder a cita máis máxica do ano. O rei Baltasar non podía faltar, de ahí que tamén estivese o domingo en As Pontes cos seus paxes escoitando os desexos dos máis novos da casa e como peche a música da formación tradicional Canavella. Tras do seu paso polas avenidas de Castelao, Galicia, Rosalía de Castro ou Ferrol, a comitiva remataba a súa viaxe a carón da Casa do Concello onde, un ano máis, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, se encargaba de dar entrega ás súas maxestades da chave que abre as portas de todos os fogares do municipio e que serviu para, que na noite de onte, Melchor, Gaspar e Baltasar puidesen entrar nas casas de todos os nenos e nenas para deixar o seu cargamento de xoguetes. Asemade, como xa ven sendo tradición, os propios Reis Magos deron lectura a algunha das cartas que, nestes días, os nenos e nenas de As Pontes depositaron no buzón real do Concello, onde houbo peticións do máis variopintas tanto para os seus remitentes coma para as súas familias. Nembargantes, un dos momentos máis agardados por todos aqueles que se congregaron a carón da Casa do Concello foi a recepción das Súas Maxestades aos propios nenos e nenas que, un por un, ían achegándose ata Melchor, Gaspar e Baltasar, para darlles conta desas peticións de última hora, desexos que, de seguro, que onte se fixeron realidade e é que, un ano máis, os nenos e nenas de As Pontes foron todo un exemplo de bo comportamento, de ahí que na mañá de onte non aparecese nin unha soa peza de carbón nas árbores de Nadal dos fogares dos nenos e nenas da nosa vila e que, agora pasarán os vindeiros 364 días, desfrutando dos seus novos xoguetes, bonecas, coches ou bicicletas e sendo, novamente, moi bos para que xa no 2015, Melchor, Gaspar e Baltasar regresen á As Pontes coas súas alforxas ateigadas de agasallos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario