viernes, 7 de marzo de 2014

A lectura dun manifesto por parte das edís da Corporación Municipal e unhas xornadas sobre as mulleres en diferentes campos laborais protagonizaron parte dos actos de conmemoración do 8 de Marzo

  Mañá, 8 de marzo, conmemórase o Día Internacional da Muller, unha celebración que, dende o concello de as pontes non querían deixar pasar e que aunou o traballo de departamentos coma o de Servizos Sociais, Cultura, RTVEume ou Promoción Industrial, Hostalería e Comercio para dar vida a un intenso programa de actividades que, malia que terán continuidade durante todo este mes, viviron hoxe a súa xornada grande. Programas radiofónicos, exposicións literarias, manifestos, proxeccións de documentais, ou charlas sobre a vida profesional de varias das nosas propias veciñas foron algunhas das actividades que hoxe mesmo servían para conmemorar un día no que a muller loita e defende aínda máis os seus dereitos. Precisamente diso, de dereitos e de igualdades entre eles e elas trataba a actividade que servía para abrir este programa do 8 de marzo no Concello de As Pontes e é que as concelleiras da corporación municipal, coa primeira tenente de alcalde á cabeza, deron lectura a un manifesto en prol da igualdade real entre homes e mulleres. O salón de plenos da Casa do Concello foi o escenario que albergou esta lectura na que tomaron parte as concelleiras dos diferentes grupos políticos municipais. Montserrat García, Sara Ramos, Ana Pena, Jessica Lago, Sara Prada, María Jesús Romero e Jéssica Fdez Polo deron lectura individualmente a diferentes frases e reivindicacións tanto propias coma de figuras ben coñecidas coma Rigoberta Menchú, Clara Campoamor ou Mery Bulstonkraft, e nas que demandaron a igualdade real entre homes e mulleres no mundo laboral, político, doméstico e por suposto en dereitos. Como remate, a edil Montserrat García daba lectura a un manifesto conxunto de todas as concelleiras pontesas no que, unha vez máis, daban conta do seu traballo e loita contínua en prol de acadar a igualdade real entre eles e elas, unha igualdade en dereitos e deberes que defenderán dende o seu posto coma concelleiras. As actividades do Día da Muller tamén nos levaban, nesta mañá, ata o auditorio muncipal Alovi onde a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio celebrou a titulada Xornada do Día Internacional da Muller e na que se deron cita varias mulleres pontesas, moitas delas emprendedoras, que deron a coñecer non só o seu día a día no mundo laboral senón tamén o porqué da súa profesión. Así, foi posible escoitar á traumatóloga do Hospital Arquitecto Marcide, Laura Ameneiro; á veterinaria Cecilia García, á avogada Rocío Meizoso; á axente municipal Lucía Legaspi ou á xerente da empresa Sergabi, Jennifer Gómez. Todas elas deron a coñecer a súa experiencia, o seu día a día, ante un auditorio integrado por estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria de diferentes centros educativos ponteses. Anécdotas sobre o papel da muller en sectores coma o mundo do metal, da medicina ou da seguridade local foron o eixo central de cada unha das intervencións destas conferenciantes que apuntaron a que, malia que xa se fixo moito en materia de igualdade, aínda queda un longo camiño por percorrer. E é que, aínda a día de hoxe se mantén a idea de que hai traballos para eles e traballos para elas, que as mulleres non poden dirixir determinados negocios ou incluso que elas deben demostrar continuamente a súa valía, cando a un home iso non se lle esixe a diario. O tema da maternidade tamén tivo espazo nestas experiencias e é que, a día de hoxe, unha muller continua a ter que escoller entre estudar e desenvolverse profesionalmente ou ser nai e as que o logran deben facer malabarismo ou renunciar a algo máis que traballar na casa e fóra do fogar ao tempo. Para poñer o punto e final a este acto, a edil de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, dirixiuse aos presentes dando conta, unha vez máis, da necesidade de que estas novas xeracións, independentemente de que sexan nenos ou nenas, continuen a traballar pola igualdade, por desenvolverse profesional e familiarmente segundo a elección de cada un e deixando a un lado a celebración dunha xornada que, ogallá nun futuro, non exista xa que iso será sinónimo de que eles e elas son realmente iguais en todos os ámbitos da vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario