lunes, 17 de marzo de 2014

Muller nas Escolas despediuse cunha sesión para o alumnado de Educación Infantil e tras chegar a máis de 600 estudantes de Primaria e Infantil de todo o Concello de As Pontes

O programa Muller Nas Escolas, desenvolvido polo departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, despedíase hoxe ata o vindeiro ano tras achegar a máis de 630 estudantes de Educación Infantil e Primaria dos colexios ponteses, diferentes actividades e xogos dirixidos a traballar contidos de coeducación e igualdade co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Foron sete días de actividades que chegaron a 400 estudantes de educación Primaria da Fraga, Santa María, Monte Caxado e A Magdalena e que hoxe se completaron con dúas sesións para 230 nenos e nenas de educación infantil tamén destes catro centros educativos. Novamente as monitoras de Atalaia Social foron as encargadas de dar vida a dúas figuras femininas: Alba, unha rapaza estudante de secundaria fanática do fútbol e a súa avoa Maruxa, unha señora afincada no século pasado e que, a día de hoxe, segue sen entender que homes e mulleres poden facer as mesmas cousas, desenvolver as mesmas profesións e ata practicar os mesmos deportes. O auditorio municipal Alovi foi o escenario perfecto para acoller a estas dúas mulleres de xeracións tan diferentes e para dar vida a unha dramatización ateigada de contrastes debido aos distintos papeis da muller nas diferentes décadas. De feito, mediante cancións e xogos, os pequenos e pequenas aprenderon a ser críticos cos estereotipos que afectan a homes e mulleres e decatáronse do importante cambio social, logrado polas mulleres nestes últimos anos, onde homes e mulleres son os encargados das tarefas domésticas; eles e elas poden xogar ao mesmo e practicar os mesmos deportes e tanto eles coma elas poden estar igualmente capacitados para ser perruqueiros, albaneis ou electricistas. Con esta última xornada, Muller nas Escolas dicía deica o ano que vén, non así o resto de actividades que aínda se están por desenvolver ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller. De feito, este mércores presentarase o documental De Muller a Muller. Distintas xeracións, xeracións distintas; elaborado por RTVEume, Servizos Sociais e os colectivos de Amas de Casa e María Magdalena. Ás 19.30 horas, no salón de exposicións do Mercado Vello, e coincidindo coa clausura da mostra fotográfica que leva o seu mesmo nome, será posible desfrutar desta colección de anécdotas de oito familias de mulleres pontesas de xeracións do máis dispares. Asemade, ata o luns da vindeira semana aínda poderemos visitar a colección literaria As Nais nos Libros elaborada pola Biblioteca Municipal e que recolle textos onde a muller é a gran protagonista; unha serie de títulos e obras que se atopan expostas na sala de lectura da biblioteca Enrique Rivera Rouco e que se pode visitar gratuitamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario