martes, 22 de julio de 2014

As sesións vermú e os concertos de Random, Jin Tony´s Son e On the Band completaron o extenso programa musical das Festas do Carme 2014

Á marxe da música de verbena, as festas do Carme de 2014 tamén contaron con outro tipo de sons e ritmos ao máis alonxados das míticas cumbias e merengues de orquestra e é que, dende a tarde noite do venres e ata onte mesmo, polas rúas da nosa vila tivemos actuacións de grupos do noso municipio coma Alfaia ou os Ponteses, concertos onde o rock e o pop foron os auténticos reis da festa e citas coma as sesión vermú que ateigaron de festa o mediodía do domingo e tamén do luns. Así, para amenizar as mañás, nada mellor que os nosos propios grupos locais de música tradicional e que tan ben se encargan de levar os sons máis galegos por todos os barrios e rúas do centro urbano. Formacións coma Canavella, a banda de Gaitas Alfaia e charanga os Ponteses levaron a festa a todos aqueles recunchos da nosa vila aos que non chega a música das orquestras, mesturando xotas, muiñeiras e pasodobres con algunha que outra cumbia e ata sons algo máis actuais. O mediodía tanto do domingo coma do luns xa foi cousa de dous dúos da nosa vila e é que reeditábanse as sesión vermú que, o pasado ano, tanto éxito de público rexistraban. Así, o domingo, e diante da Casa do Concello, ponteses e pontesas puideron desfrutar do dúo fenés Caramelo, uns habituais xa das celebracións das diferentes asociacións pontesas e con Jorge e Sandra que, unha vez máis, fixeron as delicias do público presente ao son de temas como el vicio de tus labios, dulce de coco e ata algunha que outra peza instrumental da man de Jorge Vázquez e o seu acordeón. O poner a música para a sesión vermú do luns xa correu a cargo do Dúo Venus que tamén animou o mediodía con diferentes temas do máis coñecidos e por riba coa praza da Capela do Carme coma escenario. Pero nestas festas non houbo tan só cumbias, temas do verán ou pasodobres, e é que os seguidores doutro tipo de ritmos máis roqueiros tiveron o seu espazo mediante tres concertos na avenida da Coruña que tamén contaron con moito seguemento. Así na noite do venres, os ponteses Jin Tony´s son daban vida a un extenso concerto de máis de dúas horas e media de duración e que, malia a intensa chuvia que caía por momentos, logrou contar con moitos seguidores. E é que Pichi, Chucho, Teresa, Esteban ou Manolo contan con ducias de seguidores aló por onde actúan e, na súa terra non ía ser diferente. Temas de Jony Lee Hooker, Blondi, Loquillo, Sabina, Rosendo ou dos Beatles formaron parte desta intensa e extensa actuación que fixo bailar baixo a chuvia a moitos e moitas. O domingo o escenario da avenida da Coruña estivo ocupado pola formación On the Band, uns xiareiros da música dos 80 e dos 90 e de temas coma Princesa de Sabina, No dudaría de Antonio Flores ou La Chica de Ayer, de Nacha Pop. E pechaban a rolda de actuacións na avenida da coruña a formación Random, cinco xoves ponteses, estudantes do instituto castro da Uz e que decidían o pasado ano poñer en marcha un grupo co que render homenaxe aos seus artistas favoritos. Tras estrearse o pasado mes de xuño na primeira edición do Móvete por As Pontes, Víctor, Brais, Malena, Alvaro e Adrián volvían actuar diante dos seus veciños e veciñas nun concerto no que temas de Green Day ou Maná formaron parte do seu repertorio. Así, mesturando o tradicional, co máis novidoso, as fortes guitarras e baterías coas gaitas e os tamborís e as trompetas cos baixos se pechaba ese outro mundo musical que, á marxe das verbenas, tamén tivo o seu momento de protagonismo nas nosas festas do carme.

No hay comentarios:

Publicar un comentario