martes, 22 de julio de 2014

París de Noia, Los Satélites ou Sintonía de Vigo puxeron o son ás Festas do Carme 2014

En toda festa que se precie non pode faltar un cartel con grandes orquestras para amenizar as noites de verbena e, nas Pontes, tamén houbo un listado de actuacións de auténtico luxo que congregaron, ao longo destas catro noites de festa, a centos de veciños e veciñas tanto na Praza da Capela do Carme coma na Canle IV. E é que, unha vez máis, a Comisión de Festas apostaba por deixar a un lado as grandes actuacións e traer importantes formacións musicais, especialistas en amenizar noites de festa e garantía segura de éxito. Así, malia que a noite do venres arrincaba pasada por auga, iso non desmereceu a primeira das noites de verbena que, malia que tardou en arrincar, sí que a medida que pasaban os minutos lograba facer que veciños e veciñas deixasen a un lado os seus paraugas e se animasen a bailar un pasodobre, unha cumbia ou un saboroso merengue dominicano. Os encargados de abrir a noite foron a formación Gran Parada, xa uns vellos coñecidos da nosa vila e que, ano tras ano son un dos incondicionais no cartel das nosas festas. A formación de Rianxo celebra este ano o seu primeiro medio século de vida e fíxoo cun espectáculo que se abría con temas de Camilio Sesto e un popurrí de cumbias. Por suposto non faltaron as homenaxes a México con diferentes rancheiras nas voces de Mónica, Edgar, Raúl e Bárbara e ata algún que outro tema de Juan Luis Guerra. Compartindo a fría noite do venres, ata As Pontes tamén se desprazaba a orquestra Aché apostando por un repertorio onde temas coma Aquí estoy yo de Luis Fonsi se mesturaron con xa cancións máis de verán coma Bailando de Enrique Iglesias, o Angelito sin alas de DCS ou Quiero Rayos de Sol. Na noite do sábado, trala tradicional procesión de baixada da Virxe do Carme e da sesión de fogos de artificio, arrincaba a segunda das verbenas da man da formación Jerusalén. Noela, Yenina e Jorge puxeron a voz aos diferentes temas que serviron para a abrir a noite e onde non faltaron pezas de Ricky Martin, Kanarias, Manolo García, Dani Martín ou Carlos Baute. Unha das formacións que son todo un clásico nas nosas festas é a Filadelfia que, celebra neste 2014, o seu décimo aniversarioe volvía atraer a moitos xiareiros e xiareiras desta formación cun repertorio no que entre cumbias, temas dance e ata versións de Marc Anthony, Inna, Shakira ou Nancis Rubias lograron meter ao público no peto. A verbena do domingo supuxo todo un cambio con respecto ao venres e sábado e é que tocaba desfrutar de dúas clásicas orquestras galegas como son Los Satélites e a Sintonía de Vigo, formacións desas que fan música para bailar e onde o espectáculo de luz e son deixa o protagonismo ás grandes voces de cantantes coma Noly, Eric Hidalgo ou Richard Blanco. Un auténtico duelo de grandes orquestras que tamén incluiu estreas e é que ante a baixa de lucía durán e Arturo sabugueiro, dous dos líderes da Sintonía de Vigo nestes últimos anos, chegabaN á formación pontevedresa as grandes voces de Alba Navarro, Lourdes Jardón ou Fernando Hernández e tamén cambios á hora de actuar e é que, para esta tempada a sintonía de vigo optou por achegarse algo máis ás cancións actuais, deixando ao un lado o seu estilo máis clásico. Los Satélites tamén lograron sacar a bailar a moitos ponteses e pontesas e é que coas voces de Arantxa, Eric e Noly poucos se podían resistir a mover as cadeiras ao son de merengues, cumbias de Malú ou Enrique Iglesias e algún que outro pasodobre deses míticos que tanto identifican a esta formación coruñesa. Xa na noite do luns a festa cambiaba de escenario pero non de atractivo e é que a Canle IV sustituíu á praza da Capela do Carme para acoller as dúas formacións máis punteiras de Galicia, á hora de amenizar verbenas e é que, un ano máis, Panorama e París de Noia pasaron por As Pontes para dar conta dos seus novos espectáculos. Luces, efectos especiais, moitos watios de potencia e incríbles performances fixeron as delicias de veciños e veciñas que, ata ben entrada a madrugada de hoxe, bailaron coas voces de Lito Garrido, José Antonio Blas, Vanesa Sosa ou Fátima Pego. Unha vez máis Panorama e París de Noia protagonizaron un enfrontamento musical tan só digno dos máis grandes e que abrían os de Lito Garrido coa súa nova xira Space Tour, e un espectáculo de equilibros en tea, ao que seguiron temas de Ricky Martin, Juan Magán, Celia Cruz ou Jennifer López, nas voces de Jorge Ferre, Vanesa Sosa, Nakary Palumbi e a pontesa Natalia Méndez que, un ano máis regresaba á súa terra. Enfronte a París de Noia con gran José Antonio Blas á cabeza e coa compaña de voces coma a de Gema, Fátima, Sergio e a incorporación de Cibrán, e con pezas tan variopintas e de estilos tan diferentes que nos levaron ata Mexico, Cuba, ou Santo Domingo sen esquencer os éxitos do verán, mixes cos temas que máis están a romper nas discotecas, composicións dos Beatles e incluso algunha que outra versión de Mylie Cyrus, con bola de demolición incluída. En resumo, que nas Pontes tivemos o mellorciño de toda Galicia no que a orquestras se refire, con formacións para os máis novos, para os que prefiren a música de pasodobre ou tamén para aqueles que se decantan por bailar un agarrao. Unha oferta musical do máis heteroxénea que, sen dúbida algunha, cumpriu sobradamente coas expectativas e que deixa moi alto o listón para a comisión de festas do 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario