lunes, 14 de julio de 2014

Éxito de participación e público na primeira edición do Pecha Kucha Night As Pontes

Coñecer máis polo miudo proxectos empresariais, gastronómicos, culturais, musicais, deportivos ou de ocio, e case todos con marca pontesa. Ese podería ser o resumo perfecto do que supuxo a primeira edición do Pecha Kucha Night As Pontes, unha representación de creatividade comprimida en algo máis de 6 minutos e medio e con marca da casa, baseada en formatos semellantes desenvolvidos dende hai unha década en máis de cincocentas cidades de todo o planeta. A idea aterraba no escenario do auditorio municipal Alovi, da man da empresa STGO e a Concellería de Cultura, e contou cunha gran acollida por parte da cidadanía. De feito, pouco faltou para non ter que pendurar o cartel de non hai entradas, o que demostra o atractivo desta cita multidisciplinar na que se contou coa participación de 13 poñentes, representantes de sectores do máis diversos, que con tan só 20 instantáneas e 6 minutos e 40 segundos tiveron que dar a coñecer o que é o seu negocio, a súa afección ou o seu proxecto. Dun xeito dinámico, ameno, divertido e sobre todo atractivo foi posible adentrarse algo máis en iniciativas coma a web infantil La Mariola de Sandra Blanco; as actividades que durante todo o ano desenvolve a Casa Do Mel e que explicou Manuel Ferreira; os inicios e nicho de mercado da empresa Xaraleira de José María Vilaboy, o traballo de investigación en materia de oncoloxía de María de la Fuente ou os segredos do taller de guitarras de Javier Moldes. A restauración da entulleira de Endesa tamén estivo presente grazas ao enxeñeiro Aníbal Gil; a empresa de bebidas espiritosas Nordés con Xoan Canas á fronte descubriu os seus inicios na pasada noite do venres e ata tivemos a oportunidade de adentrarnos en cómo o soño de ser músico ou piloto se pode facer realidade, con exemplos coma o do cantante óscar Rosende, dos Brothers in Band, ou o piloto Guillermo Cabarcos. Temáticas tan dispares coma o coidado dos cabalos, a maxia dun deporte tan esixente coma o triatlón ou incluso os entresixos dun negocio coma o dos productos delicatesen tamén tiveron o seu espazo nesta primeira Pecha Kucha pontesa. Así foi posible coñecer máis polo miúdo o día a día do veterinario de équidos Vicente Cabarcos, o programa de adestramento do deportista Javier Montero, primeiro pontés clasificado no Ironman celebrado o pasado mes de xuño, e ata o saboroso mundo que rodea aos queixos europeos de maior sona con Enrique Rodríguez, da empresa Coalbe. Todo isto entre anécdotas, chistes algún que outro obstáculo e sobre todo moita paixón porque en algo menos de 7 minutos estes trece homes e mulleres transmitiron sobre todo o seu amor pola súa afección ou o seu xeito de gañarse diariamente a vida. Unha paixón moi valorada polo público presente, entre o que se atopaba o alcalde de As Pontes e as edís de Cultura e Industria, e que non dubidaron en responder a cada miniconferencia cun sonoro aplauso de gratitute. Como colofón nada mellor que un refrixerio para reponer forzas e tamén algo de música en directo: a do dúo Bite the Soul, con Mateo Bruquetas á guitarra e a voz e violín de Eva Díaz e que se encargaron de facer que a primeira noite Pecha Kucha As Pontes se prolongase ata ben entrada a madrugada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario