lunes, 14 de julio de 2014

O Mercado Vello acollerá, ata finais de mes, a mostra fotográfica Myanmar :rostos e paisaxes do pontés Javier Álvarez

Ás veces, para coñecer outra realidade, outra cultura, outras xentes ou un país diferente non é necesario ir moi lonxe e é que unha fotografía, un vídeo ou o mesmo relato dalguén que vivíu outra experiencia máis aló das nosas fronteiras son ferramentas suficientes para achegarse a outros lugares, a milleiros de quilómetros do noso fogar. Esa é a maxia da nova proposta audiovisual que podemos atopar, ata o vindeiro día 23, na sala de exposicións do Mercado Vello e é ue que Myanmar: rostros e paisaxes é unha colección de varios vídeos e medio cento de instantáneas das case 1.500 que o pontés Javier Álvarez tomou hai dous anos durante unha viaxe persoal polo antigo país de Birmania. Rostros de rapaces que amosan a súa inocencia cun soriso ou pintados coa pasta da Thanaka para protexerse do sol, labregos e pescadores no lago Inle, monxes de recollida vida budista ou tomándose un descanso das súas plegarias; solpores inimaxinables, estampas naturais de gran beleza e ata pequenos vídeos que amosan o día a día destas xentes forman parte da mostra deste pontés que se estrea coma artista do zoom e do flash, empregando como base as súas expedicións persoais con amigos. Instantánea a instantánea e frame a frame temos a oportunidade de botar unha ollada á vida que agocah este país asiático de 55 millóns de habitantes, que vive dos seus cultivos e de estar a ben con Buda eq ue conta con lugares tan indescriptibles e maxestuosos coma a Pagoda de Thamboddhay, o pazo de Karaweik ou o templo de Bagan. Myanmar: rostros e paisaxes é tan só unha pequena mostra daquelas situacións e lugares que Javier Álvarez captou coa súa cámara, unha desas sinxelas, coma el a describe, pero que deu uns froitos máis propios dun profesional na busca da instantánea perfecta que dun xiareiro das viaxes por países de todos os continentes. Un exemplo de que, ás veces, os artistas nacen, non se modelan, e de que o querer captar unha ollada, un sentir, ou a dureza dun día a día no continente asiático non depende de contar cunha boa cámara ou os mellores coñecementos de fotografía, senón de saber mirar co corazón e non só cos ollos. Todo isto é o que ofrece Myanmar: rostros e paisaxaes, sen dúbida unha cita obrigada para aqueles amantes do ir máis alón dunha simple imaxe e dos xiareiros das emocións feitas fotografía, e que poderán visitar ata o vindeiro día 23 en horario de 19.00 a 20.30 horas de luns a venres e de 12.00 a 13.30 os sábados e domingos, e de xeito gratuíto. Asemade, durante estas festas patronais, o departamento de Cultura tamén abrirá esta mostra en horario especial os día 19, 20 e 21 entre as 12.30 e as 14.00 horas e de 19.00 a 20.30.

No hay comentarios:

Publicar un comentario