lunes, 14 de julio de 2014

Ducias de Romeiros participan na tradicional xornada de marcaxe das parcelas para a Festa da Fraga 2014

Ponteses e pontesas cumpriron o pasado venres cunha das tradicións máis míticas das nosas festas patronais e é que, ao chegar a tardiña do pasado día 11, era momento de ir ata a Fraga de Dona Rita provistos de cinta e algunha que outra estaca para proceder á habitual cerimonia de marcaxe das parcelas que, nos vindeiros días, serán as protagonistas de innumerables construccións de todos os tipos e deseños cunha única fin: ser o lugar de encontro de grupos de amigos, familias e compañeiros de traballo ou ocio durante os días 24 e 25 de xullo. E é que en tan só dez días o barrio da Fraga volverá encherse de visitantes e veciños de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto do país grazas á celebración do 110 aniversario dunha das festas máis míticas do verán galego. Coma cada ano, moitos foron os que optaron por acampar uns días antes para poder coller o seu sitio de todos os anos, a parcela dotada cunha mesa que así evita algún que outro traballo aos romeiros ou aquel lugar xa máis ao abrigo e á sombra para evitar que un sol radiante destrague esta xornada de festa. Pero esta costume de acampada previa á Fraga trae consigo certos rituais e é que non faltan as mantas no chan para evitar enlixar a roupa, os xogos de cartas, algún refrixeiro, os refrescos e a compaña dalgunha que outra mascota ata que soan as tradicionais bombas de palenque da misa de novena das oito de serán e que tamén serven como pistoletazo de saída para deixar marcado, de xeito oficial, a parcela correspondente a cada grupo. Nos vindeiros días arrincará o proceso de construcción destas cabanas e que con madeira, xestas ou lona volverán novamente tinxir o habitual aspecto da fraga de dona rita para dar lugar a un efímero barrio de vivendas do máis particular. Pero ademáis de cumprir co trámite da marcaxe e contrucción de cabanas tamén toca afrontar as obrigas dos romeiros e é que, coma cada ano, será necesario achegarse ata o departamento municipal de policía para cumplimentar a pertinente autorización municipal e que se comeza a dispensar esta mesma mañá. De feito, unha persoa de cada grupo cubrirá un formulario de responsabilidade e compromiso de coidado e limpeza do lugar empregado para o levantamento da súa cabana, aínda que este ano non se fará entrega dun número identificativo que sí que quedará rexistrado na respectiva autorización. Por outra banda, os residentes no barrio da Fraga tamén poden acudir xa a recoller ás oficinas da policía municipal para recoller o seu permiso de aparcadoiro no interior deste barrio, sendo necesario presentar un recibo que acredite a súa residencia nesta zona.

No hay comentarios:

Publicar un comentario