martes, 15 de julio de 2014

Música, ocio para grandes e pequenos e citas litúrxicas novas protagonistas das Festas do Carme de As Pontes

A edil de Cultura, Sara Ramos, describiu estes festexos de 2014 coma unha mestura de música e actividades para todo tipo de gustos e idades As Pontes xa está a vivir a conta atrás da que será unha nova edición das súas festas patronais en honra á Virxe do Carme e, un ano máis, a comisión de festas, dependente do departamento municipal de Cultura, volveu apostar por un programa de actividades do máis heteroxéneo onde se mestura a música, co ocio para grandes e pequenos, o deporte e onde, por suposto, a diversión está máis que garantida para os vindeiros dez días. Así as cousas, malia que o pistoletazo oficial de saída destes festexos, non se dará ata o venres, co tradicional pregón, durante estes últimos días xa foi posible sumarse a algunhas das actividades incluídas no programa destas festas patronais 2014, coma o Maratón de Fútbol Sala tanto infantil coma para adultos, a conferencia Pecha Kucha Night, as citas litúrxicas que arrincaban o pasado venres ou as exposicións fotográficas do grupo Reollo ou de Javier Álvarez, será esta vindeira fin de semana cando se desenvolvan a maior parte das actividades lúdico – festivas. Así o explicaba a concelleira de Cultura, Sara Ramos, que resaltaba a gran variedade de opcións lúdicas que se poderán desfrutar nos vindeiros días e nos que salientaba o papel das orquestras, cun cartel integrado por varias das mellores formacións desta índole a nivel galego. De feito, formacións coma a París de Noia, a Panorama, Los Satélites, Sintonía de Vigo ou Filadefia visitarán As Pontes ao longo dos vindeiros días, con actuacións na Praza da Capela do Carme e na Canle IV. A elas sumaranse tamén outro tipo de concertos, que terán como escenario a Avenida da Coruña, con outros estilos coma eixo do seu repertorio e é que, tal e como apuntou Ramos, o que se busca mediante este tipo de actuacións e cubrir esa parte da poboación que non é tan xiareira da música de verbena. De ahí que dende o venres e ata o luns se contará coas actuacións dos ponteses Jin Tony´s Son, a formación On The Band e Ramdom, unha formación nada ao abeiro do I.E.S Castro da Uz e que se estrea nestas festas. Tamén repetirán as sesións vermú o domingo e mailo luns trala boa acollida o pasado ano e que, nesta ocasión amenizarán os dúos Venus e Caramelo. E é que a intención da Comisión de Festas é intentar chegar a público de todas as idades e gustos, malia a dificultade deste obxectivo. De feito, Sara Ramos deu conta dos meses de traballo que hai detrás deste gran programa de festas do que, segundo a edil, “ponteses e pontesas ademáis de visitantes teñen que desfrutar ao longo destes días”. Por suposto non faltará a programación para os máis pequenos que arrincará o xoves a traverso de Parque@ctivo, nos xardíns Campo da Feira, e que incluirá contacontos, concertos, sesións de clown e ata maxia, cada tarde dende as 18.30 horas; e o tradicional pregón que o venres se desenvolverá diante da Casa do Concello dende as 20.30 horas, con varios comerciantes locais coma protagonistas. Asemade, tamén se contará cunha nova edición do Festival Folclórico Internacional, o luns dende as 21.00 horas no polideportivo municipal da Fraga, e das tradicionais citas litúrxicas coas procesións da Virxe do Carme ou as diferentes misas que se desenvolverán nestes días. Finalmente, a concelleira de Cultura convidou a veciños e visitantes a desfrutar desta ampla programación festiva, toda unha fachenda, segundo apuntaba a edil, que, de seguro fará de As Pontes un referente a nivel galego de diversión e festa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario