miércoles, 16 de julio de 2014

Parque@ctivo abrirá mañá unha nova edición nos Xardíns do Campo da Feira

Música, espectáculos de clown, baile tradicional e actividades de animación á lectura serán algunhas das propostas que poderán desfrutar os máis novos ata o 21 de xullo Un ano máis, os pequenos e pequenas xogarán un importante papel na celebración das Festas do Carme 2014, do Concello de As Pontes e é que, novamente, a Comisión de Festas deseñou un amplo abano de actividades dirixidas a que os máis novos tamén desfruten destes días de festa. E é que tal e como apuntaba a edil de Cultura, Sara Ramos, pequenos e maiores van da man á hora de desfrutar destas festas polo que tamén é preciso deseñar actividades tanto para os adultos coma para os máis pequenos da casa, que tamén desexan pasalo ben nestes días. Asemade, este ano, ao programa Parque@ctivo se sumarán diferentes competicións deportivas novidosas coma o torneo de preminibasket que terá lugar este sábado no patio do Colexio Santa María ou o maratón infantil de fútbol sala que tivo lugar a pasada fin de semana. Nembargantes, o programa Parque@ctivo será o que aglutine a meirande cantidade de actividades infantís. Así as cousas, mañá mesmo arrincará unha nova edición deste programa nos xardíns do Campo da Feira, e en sesións de mañá e tarde. Así dende 11.30 horas xa se poderá desfrutar das múltiples lecturas que ofreza “Os libros no Parque”, ou ben pintar e colororear nas plantillas que se faciliten dende a Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco. Ademais todos os días, ás 20.15 horas haberá un sorteo de agasallos sorpresa, entre todos os rapaces e rapazas que participen das actividades. Pero non é o único. Cada día Parque@ctivo contará cunha actuación especial. Así mañá xoves ás 18.30 horas todas as persoas que se acheguen aos xardíns do Campo da Feira poderán ver bailar aos nenos e nenas da Asociación Cultural Alende, unha actuación á que lle seguirá o espectáculo de percusión Latexos: Re-ciclaxe, previsto para as 19.00 horas. O venres desenvolverase unha nova actuación musical, o concerto de Magín Blanco, titulado Libros En-cantandos. O músico e letrista vén disposto a presentarlles aos nosos pequenos e pequenas diversas cancións infantís publicadas nos últimos anos en traballos como A nena e o grilo ou María Fumaça. Ao día seguinte, o sábado do Carme, tomará o relevo a Banda de Música das Pontes cun primeiro concerto previsto para ás 13.00 horas. Xa ás 18.30 horas teremos os cantacontos para bebés, a cargo dun músico ben coñecido nas Pontes: Pablo Díaz, que xa en anteriores ocasións ten presentado as súas cancións, grandes éxitos como Tic Tac, unha orquestra de animais, ou a canción do pirata, e ao seu remate, ás 19.00 horas outra actuación musical doutro grande coñecido, a de Cé Orquestra Pantasma, que xa visitou As Pontes co gallo da celebración das festas patronais, e que novamente fará do seu espectáculo toda unha festa chea de forza, ritmo e fantasía. O teatro de clown protagonizará a xornada festiva do domingo, con Rudi Rudi e a súa montaxe Clowntamination, un espectáculo dinámico e interactivo. E xa o luns a Concellería de Cultura convidará a todos os nenos e nenas das Pontes ao parque infantil, con inchables, xogos e como non, a tradicional festa da escuma, dende as 16.30 horas. Ademais e durante todos os días de Festa seguirá aberto no polideportivo do Colexio Monte Caxado Mundoxogo con actividades para todas as idades, cociña, obradoiros de pintura e plastilina, vidoxogos, foamball, pintura de cara, scalextric, e videoxogos. O horario de apertura de Mundoxogo é de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas ata o vindeiro 24 de xullo e a entrada é gratuíta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario