martes, 26 de agosto de 2014

Unha trintena de rapaces de Galicia e Portugal participan no programa de intercambio europeo Vive en As Pontes

• O alcalde de As Pontes e os edís de Servizos Sociais e Turismo deron hoxe a benvida a estes xoves que, durante os vindeiros días, analisarán a cultura empresarial, medio ambiental e emprendedora do municipio O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; xunto cos edís de Servizos Sociais e Turismo, José Alén e Ana Pena, respectivamente, presidiron hoxe na Casa Dopeso a recepción oficial aos rapaces e rapazas que, durante os vindeiros días, estarán en As Pontes, ao abeiro do programa europeo Vía de Iniciativas Verdes de Emprego (VIVE). Un total de 24 rapaces e rapazas, de entre 16 e 30 anos, procedentes de diferentes concellos galegos e tamén de Portugal residirán nas dependencias de Vilarbó ata o vindeiro 1 de setembro e desenvolverán diferentes actividades, visitas e mesas de traballo dirixidas a coñecer a realidade empresarial, emprendedora , asociativa local e medio ambiental pontesa co obxectivo de poder desenvolver alternativas de futuro laboral semellantes no seu lugar de orixe. Un interesante programa, financiado polo Programa Europeo Erasmus + e co que colabora o Concello de As Pontes, xunto coas ong Ecos do Sur e Make it better. Precisamente, o alcalde pontés facía fincapé na gran relevancia deste programa que ten como escenario As Pontes, un concello que, malia ser industrial, endexamais esquenceu a aportación doutros sectores coma a gandeiría ou a agricultura en prol do desenvolvemento local. González Formoso subliñaba que, malia ser o maior productor enerxético do país, As Pontes tan só leva vivindo da industria algo máis de medio século e que sectores coma a gandeiría, o sector forestal ou a agricultura foron e serán tamén sectores básicos para o desenvolvemento laboral e económico local. De feito, o alcalde apuntaba que, a día de hoxe, en As Pontes hai 300 explotacións gandeiras pero que son unha importante fonte de emprego e riqueza á que, tal e como explicaba o edil, se está a sumar o turismo, mediante o lago e a praia de As Pontes e que, segundo González Formoso, deben dar lugar, a novas iniciativas verdes e medio ambientais xeradoras de emprego. Pola súa parte, dende o departamento de Servizos Sociais, o seu máximo responsable José Alén, daba conta da súa satisfacción porque As Pontes sexa sé dun proxecto europeo de semellante calado. Finalemtne, dende a ong Ecos do Sur, o seu presidente Pachi Hurtado agradecía o respaldo do concello pontés e aproveitaba a ocasión para dar conta da relevancia que pode ter esta iniciativa, ao servir para fomentar unha cultura emprendedora e por riba verde, e é que Vive busca tamén concienciar aos xoves a nivel medioambiental, aproveitando as expericiencias que coñecerán estes días a nivel asociativo para desenvolver iniciativas de futuro semellantes nos seus lugares de procedencia. Programa de actividades Esta mesma tarde, os participantes neste programa visitarán empresas locais coma Biomasa Forestal ou Blindaxe Sport, ademáis das instalacións do Centro de Dinamización Empresarial da asociación Seara. Asemade, nos vindeiros días tamén desenvolverán saídas naturais, con roitas de sendeirismo polas Fragas do Eume, xornadas de piragüismo e vela, cos clubes locais destas disciplinas e visitarán lugares coma a Casa do Mel de Goente ou o museo etnográfico de Monte Caxado. Asemade, os participantes contarán con Vilarbó como base de operacións xa que alí pernoctarán ata o 1 de setembro e ata desenvolverán diferentes mesas de traballo e debates sobre a cultura emprendedora local e sobre as alternativas de futuro das empresas que usan o medio ambiente como eixo das súas actividades. Por outra banda, durante este programa, tamén se formará aos participantes noutros campos da busca de emprego pero a nivel europeo, empregando recursos coma o currículo Europass ou o Certificado Youth Pass, que lles permitan dar a coñecer aos seus posibles contratadores a súa formación, experiencia e valía para unha posible oferta laboral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario