lunes, 1 de septiembre de 2014

Máis de 120 familias pontesas recibirán unha axuda económica municipal para o inicio do curso 2014-2015

¨ Para esta primeira convocatoria, a concellería de Servizos Sociais destinou 18.000 dos 25.000 euros adxudicados a esta partida e, nos vindeiros días, abrirá o prazo dunha segunda convocatoria para alumnos que formalicen nesta semana a súa matrícula As Pontes, 30 de Agosto de 2014.- 123 familias pontesas beneficiaranse, este curso, das axudas á escolarización ofertadas dende o executivo local, mediante o departamento de Servizos Sociais. Así o concello repartirá nestes días 18.000 dos 25.000 euros destinados a esta partida e que servirán para facer máis levadeiro o inicio dun novo curso escolar, unhas axudas que supuxeron un incremento do 25% nesta partida con respecto ao curso pasado. De feito, segundo informaron dende a concellería que dirixe José Alén, nos vindeiros días comunicarase por carta aos beneficiarios esta concesión, que deberán achegarse ata as oficinas de Servizos Sociais, na Casa Dopeso, para recoller o seu vale de compra e que poderán canxear nas diferentes librarías pontesas. A contía das axudas varía dependendo do nivel dos estudos, con vales de entre 50 e 150 euros por alumno que serán canxeables nas librarías locais dende o mércores da vindeira semana. Así para educación infantil de 0 a 3 anos, a axuda alcanza os 50 euros. Para educación infantil de 3 a 6 anos a contía elévase ata 120 euros. Para educación primaria e secundaria concederanse ata 80 euros para a compra do material escolar. Os ciclos formativos subvencionaranse con ata 140 euros, e 150 o Bacharelato. No tocante á cifra de concesións, segundo explicou José Alén, das 158 solicitudes presentadas foron aceptadas un total de 123, o 82% , quedando excluídas aquelas que sobrepasaban os niveis de renda máxima permitidos para optar a estes fondos – os ingresos anuais da unidade familiar non deben exceder os 400 euros mensuais de renda per cápita-, e dando lugar a cifras semellantes aos do curso pasado, coa concesión destas bolsas a 129 familias. Así as cousas, para calquera dúbida con respecto a estas bolsas ou á non concesión das mesmas, será posible achegarse ata as oficinas do departamento municipal de Servizos Sociais. Convocatoria de Setembro O departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá volverá reabrir, o vindeiro 10 de setembro, o prazo para a solicitude destas axudas, neste caso para aqueles veciños e veciñas que realicen a pertinente matrícula escolar no mes que está a piques de iniciarse. Así as cousas, ata o 16 de setembro serán os alumnos e alumnas de Bacharelato ou Ciclos Formativos que formalicen nestes días a súa matrícula os que poderán optar a estas axudas. Para esta segunda quenda, segundo apuntou José Alén, destinaranse os 7.000 euros restantes da partida asignada a esta fin. Así, ata o vindeiro día 16, todas aquelas familias con estudantes que comecen Bacharelato ou aqueles alumnos que non residían en As Pontes denantes do primeiro prazo de solicitude terán a oportunidade de facer a solicitude precisa para beneficiarse das mesmas, quedando excluídas aquelas familias xa solicitantes en xuño e que non recibiron axuda ao superar o baremo económico marcado. Os requisitos para optar a estas bolsas serán os mesmos que os anunciados o pasado mes de xuño, sendo necesario presentar unha instancia no impreso oficial que se facilitará gratuitamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello, na oficina do Rexistro municipal ou na páxina web. Asemade axuntarase fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, certificación de convivencia do padrón municipal, fotocopia do título de familiar numerosa se fose o caso; fotocopia dos recibos de aluguer ou hipoteca de vivenda habitual, se fose o caso; certificado de solicitude de praza ou fotocopia da matrícula do centro onde o alumnado realice os seus estudos, no caso dos estudos non obrigatorios. Ademais tamén se ten que presentar fotocopia da declaración da renda, de toda a unidade familiar e de non estar obrigado a presentala, deberá achegar unha declaración xurada na que conste esta circunstancia. Para o cálculo dos ingresos da unidade familiar téñense en conta o número de compoñentes, así como os gastos de alugueiro ou hipoteca da vivenda. Para coñecer as cantidades resultantes a fórmula empregada é restarlle os gastos de aluguer ou hipoteca aos ingresos brutos e dividir entre o número de membros. Os ingresos anuais da unidade familiar non deben exceder os 400 euros mensuais de renda per cápita, e ademais tomaranse en consideración outros factores como a idade, ordandade, desemprego ou incapacidade recoñecida do cabeza de familia, ter a condición de familias numerosa ou familias cuxo sustentador principal sexa viúvo, solteiro, divorciado, ou separado legalmente ou de feito e outros condicionantes psicosociais. Esta documentación deberá ser entregada como prazo máximo ata o 16 de setembro aínda que para solventar calquer tipo de dúbida é posible achegarse ás dependencias da concellería de Servizos Sociais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario