lunes, 1 de septiembre de 2014

O Concello de As Pontes disporá de algo máis de 13 millóns de euros para afrontar o exercizo de 2014

O Concello de As Pontes disporá de algo máis de 13 millóns de euros para afrontar o exercizo de 2014 ¨ Os orzamentos recibiron a aprobación inicial por parte dos membros da cámara nunha sesión extraordinaria celebrada hoxe As Pontes, 01 de Setembro de 2014.- As contas do Concello de As Pontes recibiron hoxe luz verde, de forma inicial, nunha sesión extraordinaria celebrada esta mañá na Casa Consistorial pontesa. Así os orzamentos municipais para o 2014 ascenderán inicialmente a 13.083.155,91 euros, o que supón un incremento de algo máis de 500.000 euros con respecto ás contas iniciais do exercizo de 2012 (12.427.693 euros) e coas que estivo a traballar o goberno municipal, de xeito prorrogado, durante este último ano. O edil de Facenda, Urbanismo e Coordinación de Goberno, Antonio Alonso, foi o encargado de presentar estas cifras que calificou coma un exemplo da boa xestión económica dunha administración local como é a pontesa que, en sete anos, pasou de ter que facer contas para afrontar os gastos ordinarios, a ter superavit para xestionar o día a día do municipio, con solvencia suficiente para seguir, e mesmo, aumentar os servizos que se prestan aos veciños. Todo isto sen necesidade de incrementar os impostos que xestiona o Concello de xeito directo. De feito, estas cifras continúan na liña de exercizos anteriores, xa que novamente, dende o executivo local quíxose apostar pola prudencia, a responsabilidade, a sensatez e o realismo, sen deixar a un lado as necesidades da veciñanza. Na súa intervención, o edil tamén criticou as trabas e axustes que esixen ás administracións locais tanto dende o goberno central coma autonómico, o que impide aos executivos municipais empregar de xeito directo os seus recursos en prol doutras canles de beneficio para os seus veciños a pesares de contar con suficientes fondos. Unha actitude que, segundo apuntaba Alonso, só busca restrinxir as competencias locais e que municipios con recursos económicos dabondo e froito dunha boa xestión económica, como é o caso de As Pontes, non poidan investir en beneficio dos seus propios veciños noutros ámbitos coma a industria ou o emprego. Antonio Alonso deu conta do bo traballo de xestión que está a desenvolver o goberno pontés; apostando por unha mellora de servizos, a rebaixa de gastos e polo mantemento dunha estabilidade orzamentaria que permita atender as peticións e necesidades de ponteses e pontesas. Así, un ano máis, e tal e como explicou Alonso, volvíase aforrar no capítulo de persoal ao que, nestas contas, se adican 5,2 millóns de euros. No tocante á partida máis importante, ésta é a dirixida a gasto corrente con 5,9 millóns de euros, 100.000 euros máis que nas últimas contas municipais. No capítulo adicado a subvencións a entidades locais ( culturais, deportivas, veciñais, sociais, axudas de emerxencia social ou ensino), tamén para este ano se optou por realizar un novo incremento de fondos existentes froito da xestión da área orzamentaria do Concello, cun orzamento de algo máis dun millón de euros; namentras que o capítulo de investimentos contará cunha partida de case 769.000 euros, quedando á marxe deste orzamento as obras financiadas con cargo aos fondos que lle pertencen ao Concello de As Pontes e que proveñen tanto a Xunta de Galicia coma da Deputación de A Coruña. Ante as preguntas da oposición en relación ao papel dos veciños á hora de confeccionar estes orzamentos, Antonio Alonso daba conta da total atención que está a ter o goberno municipal ante as demandas veciñais, peticións que se canalizan mediante o contacto directo e diario, que os diferentes membros do equipo de goberno, manteñen co rico tecido asociativo local, e que, segundo explicou o edil, manteñen contactos periódicos co equipo de goberno para darlles conta das súas necesidades. Así as cousas, o concelleiro defendeu unhas cifras e unhas inversións para o exercizo actual acordes coa pouca marxe de maniobra que, dende o goberno do Estado, lles permiten ás administracións locais. Alonso tildou a situación económica local de excelente, resultado dunha xestión que pon ao Concello de As Pontes entre os cen premeiros do país ( de case que 8.200) en canto a solvencia económica, froito dun bo traballo e planificación e non da casualidade. Neste senso, o concelleiro apuntaba o desexo do equipo de goberno de poder ir máis aló das normas impostas dende Madrid. Nembargantes, por coherencia e por responsabilidade, non se poden sobrepasar polo que Alonso apelou á necesidade de actuación tamén doutras administracións en materias coma o emprego, formación, industria, etc., que son competencia doutros gobernos que, a xuízo do edil, “deturpan a capacidade do noso Concello para facer fronte a moitas competencias que lle son impropias pero que, por capacidade económica resultado da xestión da equipo de goberno, poderían ser asumidas polo executivo local”. Os orzamentos destes 2014 contaron cos votos maioritarios a favor do grupo municipal do Partido Socialista, namentras que Bloque Nacionalista Galego, Partido Popular e Compromiso por Galicia rexeitaron estas contas. Outros temas de debate Ao longo da sesión tamén se aprobou a conta xeral correspondente ao exercizo de 2013, punto que contou co respaldo de toda a Cámara, e que agora será remitida ao Consello de Contas de Galicia; e o teito de gasto estipulado dende o goberno estatal para o Concello de As Pontes, unha medida que, tal e como apuntou Antonio Alonso, malia non ser de agrado para o goberno do que forma parte debido á boa situación financeira local, é necesaria para evitar posibles reparos da Xunta de Galicia aos Orzamentos de 2014 e consecuencias negativas para os veciños e veciñas de As Pontes; de ahí a necesidade de actuar con responsabilidade e criterio, respaldando este punto, actitude que non seguiron dende a oposición que obtou por absterse neste aspecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario