lunes, 29 de septiembre de 2014

Unha trintena de locais de hostalería darán conta da súa creatividade entre fogóns na VI edición do certame de tapas Saborea As Pontes

Unha trintena de cafeterías, mesóns, bares e restaurantes participarán na sexta edición do certame de tapas Saborea As Pontes que se desenvolverá na nosa vila entre os días 10 e 19 de outubro. Serán dez días nos que poderemos cambiar as habituais propostas gastronómicas dos nosos bares e mesóns por tapas máis enxeñosas, elaboradas e sorprendentes nas que as típicas patacas ali oli, a tortilla ou o raxo deixan paso a outro tipo de ingredientes máis novidosos, a combinacións de terra e mar do máis atractivas e a prebes e condimentos propios dos grandes restaurantes con Estrela Michelín. Un ano máis, o departamento municipal de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio que dirixe Montserrat García, xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica, volve facer da gastronomía local e dos grandes cociñeiros que temos aquí nas Pontes todo un argumento de peso para que os veciños e veciñas saíamos á rúa desfrutar deste certame gastronómico e da gran imaxinación, entre fogóns, daqueles e daquelas que a diario nos serven un café ou un pincho. E é que Saborea As Pontes é xa todo un referente do outono pontés e non só os propios veciños agardabamos a súa chegada, senón tamén aqueles que se achegan á nosa vila para desfrutar da creatividade gastronómica que se oferta ao abeiro dos diferentes bares e restaurantes que enchen as nosas rúas. De feito, este certame está máis que asentado, e é que, un ano máis se superasen as cifras de participación con case unha decea máis que na pasada edición, e esta boa acollida merece tamén unha inauguración á altura. De ahí que para este ano, se conte na nosa vila coa presenza do prestixioso chef e Estrela Michelín Yayo Daporta, actual xurado do certame de televisión Top Chef, xunto con Alberto Chicote e Susi Díaz. Daporta será o encargado, o vindeiro 10 de outubro, de dar o pistoletazo de saída a esta competición gastronómica nunha presentación na que tamén o cociñeiro cambadés exercerá de xurado e xulgará as 29 propostas dos participantes e dará conta da súa favorita que, xa na gala de clausura o 24 de outubro, recibirá un premio especial. Para este ano novamente os veciños teremos voz e voto, ao igual que o xurado que tamén outorgará o seu premio á mellor tapa pontesa e seguindo as mesmas canles de participación que en anos anteriores, é dicir, o público mediante os seus boletos correctamente cubertos e o xurado probando todas as tapas e chegando a un acordo común. Con respecto ao resto de bases, éstas son moi semellantes ás de edición anteriores, así, as tapas serviranse entre os días 10 e 19 de outubro, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas, agás na xornada de inauguración que tan só haberá tapas en horario de tarde. Cada pincho participante terá un custo de 1 euro e por cada un que se probe o consumidor recibirá un selo. Con oito selos diferentes o cliente participará no sorteo final dun televisor, sorteo que terá lugar na casa do concello o 21 de outubro ás 12.00 horas, e tras comprobar que as papeletas recollidas en todos os establecementos participantes están correctamente cubertas. Xa para o día 24 de outubro, ás 19.00 horas, poderemos asistir na Casa do Concello á entrega de premios oficial que estará presidida pola edil Montserrat García e na que se fará entrega das tres distincións ás tres tapas mellor valoradas por público, xurado e polo propio Yayo Daporta e tamén do televisor ao afortunado ou afortunada do sorteo popular. Por diante quédannos polo tanto uns días para desfrutar da gastronomía local, e para non perdernos nada, en breve, estará a desposición da veciñanza unha nova edición da publicación que editará o concello cos datos de cada local participante, a súa respectiva tapa con fotografía incluida e un rueiro no que poderemos atopar a ubicación exacta de cada establecemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario