jueves, 30 de octubre de 2014

A música tradicional da primeira edición dos Cantos de Taberna ambientará a XXV Feira de Fungos e Cogumelos

O grupo tradicional No Cómbaro e o Concello de As Pontes aunaron esforzos para esta homenaxe á música tradicional que terá como escenario diferentes bares ponteses As Pontes, 30 de Outubro de 2014.- O grupo tradicional No Cómbaro, xunto co Concello de As Pontes, están a organizar para este sábado 1 de Novembro a primeira edición dos Cantos de Taberna, unha xuntanza de grupos musicais tradicionais tanto de As Pontes coma de concellos limítrofes que percorrerán diferentes locais hostaleiros do casco urbano para ofrecer, ao son das súas gaitas e pandeiretas, miniconcertos do máis entretidos e, por riba, coa música da nosa terra coma protagonista. Así, dez formacións vidas dende As Pontes, Valdoviño, Neda, Teo, Espasante, Bergondo ou Muros percorrerán outros tantos locais hostaleiros do municipio dende as 12.30 e ata as 15.00 e xa á tarde dende as 19.00 ás 21.30 horas, ofrecendo miniconcertos de media hora de duración. Para esta primeira edición do Cantos de Taberna contarase coa participación dos grupos ponteses Os Suplentes, Feroces da Galgueira, Cantareiras de Alende e Airiños de Veiga da Nata. Asemade, tamén participarán nesta iniciativa O Meixadoiro (Neda), Airiños do Cú (Espasante), Mestura (Valdoviño), Os Sobraos (Bergondo), A Mámoa (Teo) e Os de Aquí e Alá (Muros / Noia). No tocante aos locais hostaleiros, a estes Cantos de Taberna se sumaron as cafeterías Tres Pontes, Las Torres, O Bar de Xota, O Cotío, A Ribeira, O Marbella, 7 Camiños, A Capilla, Ortegal e Bar Campeiras. Os grupos congregaranse ás 11.30 nos Xardíns do Campo da Feira e, xa ás 12.00 iniciarán os seus primeiros concertos. Ás 15.00 horas farán unha parada para xantar para retomar as súas actuacións ás 19.00 e ata as 21.30. Xa ás 22.00 horas novamente estas dez formacións daranse cita na Casa Dopeso onde se fará entrega dun agasallo a todos os participantes e dun premio á formación que proceda dende máis lonxe, á que protagonizase a mellor interpretación e ao grupo máis festeiro. Posteriormente, os tres grupos gañadores interpretarán varios temas como colofón a esta xornada de homenaxe á música galega e aos cantos de taberna.

No hay comentarios:

Publicar un comentario