


Un dos principais alicientes da Feira de Fungos e Cogumelos é, por suposto, o certame de cestas. Un concurso que, este ano, foi o máis perxudicado e é que malia que moitos agradecemos un outono caluroso e soleado, isto supón a merma de fungos e cogumelos polos montes e prados da contorna.
Nembargantes, e maila o tempo seco destas últimas semanas, ata As Pontes se desprazaron case unha trintena de xiareiros do mundo da micoloxía para participar neste tradicional certame.
28 cestas se presentaron na Praza de América na mañá do sábado para intentar facerse con algún dos premios que, este ano, repartía o Concello de As Pontes ao abeiro dun máis que consolidado certame do outono galego.
Veciños non só da nosa vila senón tamén de municipios coma Cedeira, A Laracha, Ortigueira, Barreiros, Ferrol, Carballo ou Ordes se animaron a saír ao monte e intentar dar vida ás súas respectivas propostas micolóxicas e que estiveron inspiradas por suposto no mundo da fraga aínda que con algunhas decoracións e detalles do máis imaxinativos que fixeron moi complicada a decisión final do xurado.
De feito, tivemos pequenos elfos e fadas do bosque, concursantes que se mimetizaban coa súa proposta, aqueles que nos presentaban un fermoso monte aitegado de máis dun cento de especies diferentes, os que optaban por unha cesta engalanada ao máis puro estilo tradicional ou aqueles que ata transformaban o seu gran traballo de recollida de fungos nun parque infantil de xogos, con bambáns incluídos.
Complicada foi a decisión dun xurado que estivo comandado pola edil de Cultura, Sara Ramos, e que este ano contou cos xa expertos na materia José Luis Cuba e Antonio Díaz aos que se unía tamén outro gran coñecedor do mundo dos fungos e cogumelos: Álvaro Navarro.
Moi difícil o tiveron tanto xurado coma participantes, sobre todo pola falla de chuvias que mermou a producción de fungos, aínda que, finalmente, optábase por seguir criterios coma a cantidade de especímenes e a calidade dos mesmos para outorgar os 1.000 euros en premios que, cada ano, se reparten ao abeiro deste certame.
Poucas foron as sopresas e é que dous vellos coñecidos: Anna Katherina Koubek e Pablo Cuadrado volvían facerse cos dous grandes premios de 300 euros á cesta mellor engalanada e á de mellor calidade, revalidando así xa primeiro posto e premio especial que acaban o pasado ano.
Segunda foi Raquel Poincini que se facía cos 180 euros do segundo premio, e terceiro o pontés Miño Guerreiro que gañaba os 120 euros cos que estaba dotado este galardón.
Os 80 euros do cuarto premio foron para Miguel Ángel Mazas, outro xa asiduo a este tipo de concursos, e quinto e, por tanto cun premio de 60 euros, marchaba para a súa casa un satisfeito Ricardo Gabeiras.
Tamén se facía entrega dos premios do certame escolar O Mundo da Micoloxía, un concurso que deixaba premios de 40 euros en material escolar en todos e cada un dos centros educativos de ensinanza infantil e primaria de As Pontes, e de onde saía o que será o cartel anunciador da Feira de Fungos e Cogumelos de 2015 que, por segundo ano consecutivo, será cousa do colexio A Magdalena.
E é que tralo éxito dos alumnos de 4º de Primaria en 2013, o vindeiro ano será o debuxo dos estudantes de Primeiro de Primaria deste centro o que anuncie en 363 días esta importante cita.
En resumo, premios para pequenos e adultos que fan que, un ano máis, a Feira de Fungos e Cogumelos sexa todo un atractivo para grandes e meniños e por riba axudando á exaltación dun produto tan típico destas datas como son os cogumelos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario