lunes, 3 de noviembre de 2014

A primeira edición dos Cantos de Taberna estréase cun gran éxito de participación e xiareiros da música tradicional galega

A música ocupou un importante papel ao longo deste primeiro de Novembro, e é que ademáis de desfrutar con actuacións en diferentes escenarios de grupos coma a Banda da Escola de Música Tradicional ou os naroneses Alxibeira; tamén as rúas e sobre todo as tabernas, mesóns e bares do centro urbano foron unhas perfectas salas de concertos, en homenaxe á música tradicional. Todo xurdía da man do grupo pontés No Cómbaro que ideou a primeira edición dos Cantos de Taberna onde 10 grupos de diferentes procedencias se adicaron a ofrecer miniactuacións de media hora por outros tantos bares e cafeterías das rúas máis céntricas. Bares coma A Capilla, o 7 Camiños, o Marbella, O Cotío, Tres Pontes, Las Torres, A Ribeira, o Bar de Xota, As Campeiras e o Ortegal albergaron dende o mediodía do sábado e ata ben entrada a noite actuacións de formacións locais coma Os Suplentes, Feroces da Galgueira, Cantareiras de Alende ou Airiños de Veiga da Nata, ás que se sumaron tamén grupos vidos doutros concellos. Así, tamén estiveron neste primeiro Cantos de Taberna formacións coma os muradanos Os de aquí e Alá; os nedenses Mexadoiro ou os orteganos Airiños do Cú aos que se sumaron formacións coma a Mámoa de Teo e Mestura de Meirás, todo un cartel de luxo para que ninguén se quedase sen escoitar gaitas e pandeiretas durante a xornada de sábado. Houbo quen ata se animou a cambiar o seu vestiario habitual por algún que outro disfraz e, por suposto, os que fixeron festa e moita alí por onde tiñan a oportunidade de actuar. Unha maratoniana sesión que remataba na Casa Dopeso, ás 22.00 horas, cunha entrega de agasallos para todos os participantes, que presidiu a edil Montserrat García, e tamén con premios especiais para as formaciósn máis festeiras, as que viñan dende máis lonxe e aquela que protagonizase a mellor interpretación e que recaían en O Mexadoiro de Neda, Os de aquí e alá de Muros e Noia e Airiños do cú de Espasante, respectivamente. Como punto e final, por suposto, nada mellor que novamente desfrutar destas tres formacións galardoadas nun pequeno concerto que serviu para pechar, por todo o alto, esta primeira edición dos Cantos de Taberna e que, tras deste gran éxito, apunta a ser un dos acontecementos musicais do ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario