


Ademáis de desfrutar dunha fin de semana adicada ao mundo da micoloxía e da súa relevancia gastronómica, os ponteses e pontesas xunto con ducias de visitantes doutros concellos, decidiron pasar a ponte de Todos os Santos indo de compras e, por suposto, nada mellor que decantarse polos comercios locais que, ademáis de mercadorías de gran calidade, contan como carta de presentación cun trato exquisito, bos prezos e tamén a sabedoría daqueles que dirixen, a diario, o pequeno comercio de proximidade.
Todo isto foi o que tivemos a oportunidade de atopar na sesta edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, o MOVA, todo un exemplo de que para desfrutar de produtos de gran calidade e a bos prezos non é necesario achegarse ata unha gran superficie.
Un ano máis, dende a concellería de Industria, Promoción Económica, Hostalería e Comercio decidíase respaldar ao tecido comercial pontés sacando á rúa as súas mercadorías de tempadas pasadas, a moi bos prezos e coa máxima calidade e dando vida a un outlet que, malia baixar en número de participantes, volvía ser todo un éxito de convocatoria.
Un total de 16 postos rexentados por 18 comercios de sectores do máis variopinto ateigaron a Avenida da Coruña durante toda a fin de semana e lograron atraer a atención dese consumista que todos levamos no noso interior.
De feito, todos os artigos que se colocaron baixo a carpa deste MOVA 2014 pagaban a pena e é que houbo dende xoias, a roupa e calzado para todas as idades, libros, chucherías, bonecos, artigos de agasallo e decoración, servizos e ata promocións do máis atractivas que fixeron que moitos clientes rabuñasen no fondo dos seus petos para facerse cunha camisa, unhas deportivas, un xoguete, un bolso ou unhas boas botas para este inverno.
E é que o catálogo de oportunidades foi do máis variado con roupa de grandes marcas de Bolboreta, VL e Vilaboy; carteiras, bolsos ou fulares de Dekologas ou Sulian; chándales e camisetas de Lecar 712; doces, bonecos e xoguetes da Caramelería Mesturas; zapatos ou deportivas de Zokos, Kaye ou Saavedra; agasallos do máis diversos e socorridos para as futuras festas de Nadal coma os que nos ofreceron nos postos de La Estrella, Tres lúas ou Xoiería Templo; servizos e artigos para o noso coidado persoal coma os que atopamos nos stands de Max Dream ou Belleza y Cuidado Personal, libros e publicacións que puidemos mercar no posto da libraría Xandra, actividades para os máis novos coma as que nos ofrecían dende Picariños ou incluso unhas boas lentes de sol de Óptica Carmela. Todo un exemplo da calidade e variedade dun comercio local que, tal e como apuntaba a concelleira Montserrat García, é vital para o futuro de As Pontes.
Un ano máis a nosa compra tamén tivo premio e é que, durante a fin de semana, se sortearon 500 euros en cinco cheques agasallo para gastar nos diferentes comercios que participaron neste MOVA 2014, e que recaeron en diferentes papeletas que, nestas 48 horas de compras, se repartiron entre a clientela destes 18 comercios.
A edil Montserrat García foi a encargada de facer entrega destes cinco cheques agasallo que se sortearon durante a tarde do sábado e tamén do domingo.
Un peche perfecto para unha fin de semana na que, de seguro, poucos foron os que non se deixaron seducir polos bos prezos e atractivos produtos que, unha vez máis, o MOVA sacou dos almacéns, estanterías e escaparates daqueles comercios que, a diario, nos fan a vida máis sinxela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario