


As Pontes non podía desexar mellor inicio do mes de novembro e é que, un ano máis, a nosa vila se convertía o pasado día 1 no destino perfecto para desfrutar desta xornada festiva.
Bo clima, ambiente do máis atractivo e, por suposto, centos de veciños e visitantes axudaron a que , unha vez máis, o noso concello fose todo un referente deste día de Todos os Santos grazas á celebración da Feira de Fungos e Cogumelos, unha cita que celebrou o sábado as súas vodas de prata e por todo o alto, con programación para todos os gustos, actividades do máis atractivas, música e, por suposto, con festa gastronómica de por medio.
E é que a Feira de Fungos e Cogumelos é xa toda unha marca As Pontes que, edición tras edición, logra gañar en xiareiros e visitantes e se, por riba, se conta cunha climatoloxía espectacular o resultado é aínda mellor, como apuntaba a concelleira de Cultura, Sara Ramos.
Centos de veciños tanto de As Pontes coma doutros municipios se animaron a desfrutar da apacible mañá do sábado na nosa vila, das múltiples actividades que tivemos ao longo da xornada e, por suposto, dun dos pratos fortes do día: o certame de cestas, o gran perxudicado por esta curiosa climatoloxía de outono, debido á importante baixada de especies nos montes e fragas da contorna pola falla de chuvias e que tamén se deixou sentir neste tradicional concurso. Nembargantes, a trintena de cestas que se deron cita na praza de América se caracterizaron por ser poucas pero por contar cunha gran calidade, tal e como subliñou Sara Ramos.
O programa da xornada non só se quedou no concurso de cestas e é que, novamente, se apostou por un amplo listado de actividades para todos os gustos e idades, unha mostra moi variopinta de iniciativas aptas para todos e todas e que pretendeu, unha edición máis, facer da feira de fungos e cogumelos de As Pontes todo un éxito de convocatoria.
E é que non podían faltar os postos de produtos de outono, cos fungos e cogumelos de Champivil ou as míticas castañas; que compartiron carpa cos artigos da Casa do Mel de Goente, queixerías do Eume, o comercio xusto Manantío ou diferentes panadeirías locais; ás que se sumaron tamén produtos vidos dende Taramundi ou Curtis.
Os artesáns do Eume tamén acudían á súa tradicional cita coa mostra de Artesanía. Así no Mercado Vello tivemos a oportunidade de desfrutar dos traballos de Marisa Hermida, Lourdes Acera, Fina Casal, Andrés Otero ou Sueiras, cos seus cestos de bimbio, enfiado de lá, encaixe de bolillos ou tallado de sellas e zocas.
Non faltaron exposicións coma a do Mundo da Micoloxía, no soto da Casa Dopeso, ou a música da Banda da Escola de Música Tradicional de As Pontes, aínda que unha das citas estrela foi o xantar popular que este ano tivo que pendurar o cartel de non hai tickets.
E é que as 600 racións ideadas polo catering Ferrolterra quedaron moi escasas ante a gran demanda dun público vido dende diferentes puntos de toda Galicia debido ao atractivo desta convocatoria gastronómica.
Veciños non só de As Pontes senón tamén doutros concellos non se puideron resistir a saborear unhas lentellas guisadas con níscalos, unha lasaña de polo con boletus e unha apetecible tarta de requeixo con mel; un espectacular menú que ata chamou a atención dos nosos compañeiros do programa da TVG Sopa de Festa que visitaban o sábado As Pontes para gravar un programa que poderemos ver esta noite na televisión autonómica dende as 23.30 horas.
En resumo, un novo trunfo para a Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes que non podía lograr maior éxito de convocatoria para celebrar o seu XXV aniversario e que volve demostrar que os anos non pesan nesta mítica cita do outono galego.
© 2014 Microsoft Términos Privacidad y cookies Desarrolladores Español
No hay comentarios:
Publicar un comentario