


A gran treboada que caía esta fin de semana en As Pontes deu unha tregua na mañá do sábado para que a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller puidesen levar a cabo a primeira das actividades programadas para conmemorar, durante estas semanas, o 25 de novembro, Día Internacional de Loita contra a Violencia contra a Muller.
Para esta ocasión, mediante unha coreografía baixo o son do tema Rompe las Cadenas, case 40 veciñas de As Pontes, de todas as idades, desafiaron á chuvia para, nos xardíns do Campo da Feira, protagonizar un baile que estiveron a ensaiar durante esta última semana.
Baixo a dirección da monitora Laura Estefanía Tojeiro, estas veciñas pontesas deron conta do aprendido durante os tres días de ensaio e que pasará a formar parte dunha montaxe audiovisual. De feito, durante a súa actuación, estas bailarinas estiveron a ser gravadas pola empresa Deloga para posteriormente, mesturar estas imaxes cun traballo de consulta sobre igualdade entre os veciños e veciñas que aproveitaron a mañá do sábado para baixar á feira quincenal.
O espectáculo contou con algúns veciños e veciñas que exerceron de público, entre eles o propio alcalde de As Pontes ou os edís de Servizos Sociais ou Medio Rural, aos que se sumaron aqueles que previamente viron bailar a estas veciñas pero dentro do Mercado de Abastos, onde fixeron o primeiro dos pases da xornada.
Agora estas imaxes xunto coas enquisas realizadas durante o sábado darán vida á montaxe Na feira de As Pontes fálase de Igualdade e que se sumará aos diferentes obradoiros de coeducación que se desenvolverán, nos vindeiros días, nos centros educativos de Secundaria do municipio. Todo isto formará parte da campaña Queremos + Igualdade, impulsada dende a concellería de Servizos Sociais e o CIM e que conta co respaldo eonómico do Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario