viernes, 14 de noviembre de 2014

O Clube Olympo abre o prazo para anotarse na IV San Silvestre Pontesa

En tan só seis semanas volveremos despedir un ano e dar a benvida a outro e nada mellor que facelo en plena forma, practicando algo de deporte e, por riba, pasandoo ben cun bo e simpático disfraz, a compaña de centos de ponteses e ponteses e cun saboroso chocolate quente; ingredientes máis que suficientes para dar vida a unha nova edición da San Silvestre Pontesa. Un ano máis, e xa van catro, o clube de atletismo Olympo e o Concello de As Pontes volven poñerse mans á obra para idear esta entretida proba deportiva coa que, cada ano, veciños e veciñas decidimos despedir o ano. Para esta edición, novamente, apostarase pola tarde do 31 de decembro e como escenario nada mellor que as inmediacións do colexio Santa María. Así, dende as 17.00 horas, participantes de todas as idades percorrerán diferentes roitas que van dende os 150 ao 5000 metros co seu mellor disfraz e sen ánimo de competición, con un único obxectivo: despedir tal e como se merece este último día do ano. Por suposto, tamén este edición haberá unha andaina popular de 2500 metros que se iniciará unha vez se de a saída á carreira absoluta. No tocante aos premios entregarase un agasallo aos tres primeiros clasificados tanto nas categorías infantís coma na de adultos e, asemade, tamén haberá premio ao mellor disfraz individual infantil e de adultos, ao mellor disfraz en parella de nenos e adultos e ao mellor disfraz de grupo de adultos. Asemade, haberá chocolate quente para todos os participantes e un sorteo de produtos de nadal. O prazo de inscrición xa está aberto e manterase ata o 28 de decembro sendo necesario inscribirse mediante a web atltetismoolympo.wordpress.com ou ben na páxina www.carreirasgalegas.com/calendario. A participación nesta proba é totalmente gratuíta tanto para os máis pequenos coma para a categoría de adultos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario