martes, 9 de diciembre de 2014

A presentación de tres traballos audiovisuais pecha o programa Queremos + Igualdade auspiciado polo departamento de Servizos Sociais con motivo do 25-N

Videoclip "Nas Pontes Queremos + Igualdade" from DELOGA on Vimeo.

    O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á muller presentaron, na tarde do pasado venres, o resultado en forma de traballos audiovisuais do programa Queremos + Igualdade, auspiciado economicamente polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade, e co que se pretende traballar sobre o 25 de novembro, xornada de loita contra a violencia contra a muller. O edil de Servizos Sociais, José Alén, xunto coa directora do CIM, Maca Rego, foron os encargados de presentar os tres audiovisuais elaborados ao longo destas últimas semanas e nos que tomaron parte dende o alumnado de 3º e 4º de Secundaria dos centros educativos ponteses ata veciños de todas as idades, mediante coreografías, composicións musicais e incluso enquisas a pé de rúa. De feito, o propio concelleiro de Servizos Sociais amosaba a súa gratitude e satisfacción a todos aqueles que botaron unha man para a elaboración destas tres montaxes audiovisuais, facendo especial fincapé nos máis novos que, tal e como apuntou José Alén, son o futuro necesario para erradicar por sempre a violencia de xénero. A directora do CIM de As Pontes compartía esta gratitute que extendía a todas as pontesas que participaron na coreografía Rompiendo las Cadenas, en contra do maltrato á muller. Tralas dúas intervencións era momento de descubrir o resultado destas semanas de traballo, primeiro cun vídeo no que se incluíron diferentes preguntas a veciños e veciñas que, o pasado 15 de novembro, paseaban pola feira de as pontes e que deron a coñecer aos presentes na Casa Dopeso, as diferentes visións da cidadanía sobre o machismo, a violencia contra a muller ou a necesidade de promulgar, mediante campañas, a erradicación da violencia de xénero. O segundo audiovisual que se presentou o venres estivo protagonizado polas 40 veciñas que participaron na coreografía Rompiendo las cadenas e que mesturaba imaxes dos bailes realizados tanto no Xardín do Campo da Feira coma na praza de Abastos e que estiveron protagonizados por 40 veciñas e dirixidos pola mestra deportiva Laura Estefanía Fernández. Non podía faltar tampouco o ver reflectido o traballo xa máis musical dos alumnos de Secundaria que, nestas últimas semanas, compuxeron un rap en contra do maltrato á muller e que, por suposto, precisaba do seu propio videoclip protagonizado por estes estudantes. E como de música ía a tarde nada mellor que clausurar esta presentación coa música en directo dunha formación pontesa e moi nova xa que o grupo Random, do Instituto Castro da Uz, ofreceron un pequeno concerto aos presentes onde os temas de Green Day foron os principais protagonistas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario