jueves, 11 de diciembre de 2014

Mundoxogo abrirá o vindeiro día 20 as súas portas con novos xogos, actividades e obradoiros

O programa de ocio Mundoxogo regresará a vindeira semana a As Pontes e é que, como cada nadal, o mercado vello vestirase de festa pero sobre todo de diversión para acoller os mundos de Playmobil, as mesas de pintura e debuxo, os obradoiros de cociña de Ovo Frito ou as competicións en diferentes videoxogos de fútbol, carreiras de coches ou aventuras. Dende o vindeiro día 20 e ata o 6 de xaneiro, a concellería de Xuventude abrirá a todo tipo de público este programa de ocio no que novamente a entrada será gratuíta e que xa é todo un referente no nadal pontés. Regresan así os obradoiros de arxila Clay, as clases de cociña na mesa Ovo Frito, as megaconstruccións cos bloques Lego, as aventuras de piratas, futbolistas ou corredores de Playmobil, os videoxogos e, por suposto, as actividades para os máis pequenos de ata 3 anos que, para este Nadal contarán como sorpresa cunha piscina de bolas que se sumará á ludoteca que se estreaba xa o pasado ano. Por suposto, o Nadal tamén estará máis que presente con guirnaldas, un belén con figuriñas de playmobil e unha fermosa árbore ateigada de agasallos que se sortearán na xornada de clausura de Mundoxogo, xa que para esta edición non se realizarán competicións e sí un sorteo de xoguetes entre os pequenos e pequenas que se pasen polo Mercado Vello durante estas festas, que recibirán unha papeleta cada vez que se pasen por estas dependencias coa que tomarán parte nestes sorteos de agasallos. Mundoxogo abrirá as súas portas o vindeiro 20 de decembro en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.30 horas, todos os días ata o 6 de xaneiro e, de seguro que, novamente, volverá ser todo un acerto para que os máis pequenos da casa desfruten dos seus días libres entre xogos e, por suposto, moita diversión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario