lunes, 16 de febrero de 2015

A XXXV Feira do Grelo de As Pontes logra reunir a centos de visitantes malia a mala climatoloxía

Veciños e visitantes desafiaron onte á chuvia para desfrutar polas rúas do casco urbano da 35ª edición da Feira do Grelo de As Pontes. Unha cita que, ao igual que o pasado ano volvía estar marcada polo mal tempo pero que, aínda así, non mermou a calidade e gran oferta cultural da xornada. O departamento municipal de Cultura volvíase poñer á fronte dun evento xa máis que consolidado no antroido pontés e que respondía ás expectativas a nivel de actividades e participación e é que nin a chuvia puido augar a festa, tal e como apuntaba a concelleira Sara Ramos. Novamente, dende a concellería de Cultura se optaba pola tradición á hora de idear actividades e incluso de apostar polo menú que, a xuízo da organización, é o que mellor funciona neste tipo de eventos. Exposicións de artesanía con torneiros, tecedoras ou selleiros do colectivo de Artesáns do Eume, mostras coma a adicada a Fernando Vérez ou a Jonás Álvarez ou productos da comarca coma o mel ou o queixo da Faeira tamén tiraron de atractivo para que moitos se animasen a coller o paraugas e saír a desfrutar deste domingo de antroido e incluso da música que asolagou cada recuncho do centro urbano, coas actuacións de charangas ou bandas locais como Alfaia. Un dos grandes atractivos da feira do grelo volvía ser o certame de cestas, unha cita na que se xuntaron un total de 62 productores de As Pontes, Vilalba, Xermade, Ferrol ou As Somozas, que trouxeron ata a nosa vila o mellor das súas terras. Por segundo ano consecutivo, o Mercado de Abastos volvía ser o escenario perfecto para esta cita na que cestas con grelos de alta calidade se mesturaron coa imaxinación dos concursantes que, ano tras ano, dan conta do importante proceso de creación e traballo que leva cada unha das propostas que participan nesta cita. Nesta ocasión, os encargados de emitir o seu xuízo foron José Luis Castro como representante dos empresarios; Teresa González en representación do sector labrego e o edil de Medio Rural, Antonio Castro, que ao mediodía tamén se encargaron de presidir, xunto co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e os seus compañeiros de goberno, a tradicional entrega de premios. Os 300 euros da cesta mellor engalanada foron para Luz Divina Alonso de Espiñaredo. Segunda nesta categoría foi Eva Garrido, de Monfero, que levou un premio de 200 euros e terceira Ana Isabel Pico, de As Pontes, que se fixo cos 100 euros cos que está dotado o terceiro premio. No tocante á calidade do grelo, o primeiro lugar e os 300 euros foron para a pontesa Digna Franco, que tamén recibía o primeiro premio Alexandre Pérez Sindín, namentras que segunda foi outra xa coñecida deste certame, Josefa Basoa, de Espiñaredo. O premio de 200 euros co que estaba dotado o terceiro lugar foi para Mari Luz Vázquez de Xermade e os tres accesits de 60 euros recaeron en Telmo Carballeira de Xermade, Josefa Filgueiras do Aparral e Andrea Carballo dos Loureiros. Pero ademáis do certame de cestas, o segundo aliciente da xornada foi, unha vez máis, a degustación popular da que este ano se elaboraron 400 racións que ou ben se podían desfrutar no propio patio de Santa María ou xa ao quentiño do fogar. Sopa de cocido, cocido completo, mel e requeixo integraron o xantar popular que, novamente foi cousa de Catering Ferrolterra e que algúns tamén complementaron cos saborosos freixós que, dende as seis da mañá, estiveron a preparar os veciños do colectivo Beira do Eume, na xigantesta freixoieira municipal e que, un ano máis, rexistrou longas ringleiras integradas por xiareiros deste saboroso postre típico do antroido galego e que non se querían perder a oportunidade de levar para as súas casas tan suculento manxar. Así, con boa comida, gran participación e por suposto con moito sabor a antroido se pechaba esta mañá de grelos, festas, disfraces e multitude de actividades de todo tipo coas que, un ano máis, o concello de as pontes quixo homenaxear ao sector agrícola da zona e, por suposto, tamén a Don Carnal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario