lunes, 16 de febrero de 2015

As Pontes homenaxea a figura de Fernando Vérez cunha mostra do seu traballo co torno

Un dos principais alicientes que trae consigo cada edición da Feira do Grelo é a aposta expositiva coa que, cada ano, nos sorprenden dende o departamento municipal de Cultura. Este 2015 non ía ser menos e por iso, dende esta fin de semana e ata que remate o mes de febreiro teremos a opción de desfrutar de dúas coleccións de obras tan distintas como atractivas. A primeira delas abría as súas portas xa na tarde do venres nas dependencias do Mercado Vello. Ata alí se desprazaron familiares, amigos e veciños do torneiro pontés Fernando Vérez, que nos deixaba o pasado ano, por mor dun cancro. A súa obra co torno pero tamén a súa pegada como persoa merecían un recoñecemento á altura e de ahí que moitos fosen os que non se querían perder a apertura da Beleza do Torneiro, unha colección de elementos en madeira torneada, fotografías e vídeos con Fernando coma protagonista. A súa filla María, amigos coma José Luis Bernat e, por suposto as autoridades locais na figura do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Cultura, Sara Ramos, exerceron como mestres de ceremonias nunha sentida homenaxe na que, por riba do seu bo facer co torno, estaba a súa gran calidade humana e o seu esforzo e traballo por facer do torneado da madeira toda unha arte a nivel nacional, de ahí que tamén entre os presentes se contase con algún torneiro amigo vido dende outros puntos do país. Máis dunha trintena de pezas vidas de diferentes partes de toda España elaboradas en madeira de buxo, nogueira, granadillo ou freixo; esculturas que a día de hoxe continúan na casa da súa familia ou instantáneas que recollen outras figuras torneadas polo artista pontés forman parte desta fermosa mostra na que as cores, as formas e o deseño son toda unha delicia para a vista. A Beleza do Torneiro xa contou nestes primeiros días de apertura con multitude de visitas pero para aqueles máis rezagados lembrarlles que terán ata o 27 deste mes para desfrutar gratuitamente desta colección de pezas do gran Fernando Vérez, os luns e sábados de 11.00 a 13.00 horas e de martes a venres, entre as 18.00 e as 19.30 da tarde. E dunha mostra que se inauguraba o venres a outra que onte abría as súas portas e na Casa Dopeso. Trátase da colección de instantáneas Rutinas de Outono, de Jonás Álvarez, todo un artista tras do visor á hora de captar co seu obxectivo eses momentos máxicos da chuvia e da meteoroloxía da nosa terra e que lle valeron ser o escollido, este ano, como autor do cartel anunciador da nosa Feira do Grelo. De feito, esa misma instantánea tamén se atopa entre as diferentes propostas fotográficas elaboradas con diferentes técnicas por este gran artista local e que poderemos visitar tamén ata finais de mes, e gratuitamente na Casa Dopeso. A traverso de paisaxes, curiosos retratos e instantáneas nas que obxecto tan cotiáns coma un paraguas pode cobrar vida; Jonás Álvarez danos conta da súa particular visión da estación da chuvia, do vento e da caída das follas; unha época na que os tonos marróns asolagan cada recuncho para os demáis pero que se converten nun auténtico caleidoscopio colorista para este artista e a súa inseparable cámara e que non deberiamos deixar de visitar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario