sábado, 21 de febrero de 2015

Servizos Sociais impulsará un novo proxecto de fomento da boa nutrición dos máis novos ao abeiro do Programa Municipal de Reforzo Educativo

Mediante actividades lúdico-deportivas, merendas saudables para infantes e adolescentes, e charlas coas familias buscarase transmitir a importancia dunha correcta nutrición e de hábitos saudables para previr futuros trastornos neste colectivo As Pontes, 21 de Febreiro de 2015.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais, levará a cabo nas vindeiras semanas un proxecto de nutrición e saudabilidade coas familias participantes no Programa Municipal de Reforzo Educativo, co que se buscará facer fincapé nunha boa nutrición dos máis novos para evitar problemas de concentración e rendemento no terreo académico. A iniciativa, denominada “Ensina e aprende a comer. Ensina e aprende a medrar”, estará composta por unhas xornadas cos menores baseadas en xogos deportivos e actividades de lecer, coas que se buscará transmitirlles a necesidade de levar unha dieta correcta co obxectivo tamén de previr hábitos alimentarios nocivos, tal e como apuntou o edil do ramo, José Alén. O concelleiro de Servizos Sociais tamén apuntou que este programa tamén traballará coas familias destes rapaces e rapazas, mediante unha serie de charlas e coloquios nos que se pretenderá insistir nestes conceptos, concienciando na necesidade de que os seus fillos e fillas conten cunha boa nutrición e adaptando a situación económica de cada núcleo familiar ás necesidades dos nenos e nenas. E é que, tal e como explicou o edil, a pesares de dispoñer de recursos limitados, é totalmente posible acceder a unha alimentación equilibrada xa que, á hora de realizar unha compra saudable, non o que ten o valor nutritivo máis alto é o máis caro. De feito, durante este programa de fomento da boa nutrición tamén se dotará ás familias das ferramentas precisas para establecer outro tipo de conductas saudables como o establecer horarios e rutinas, o fomento do exercizo físico ou as combinacións máis correctas e axeitadas de alimentos saudables. Un dos principais piares deste programa serán as merendas saudables que se distribuirán entre os nenos e adolescentes que participan no programa municipal de reforzo educativo, durante o mes de febreiro e tamén marzo, medida que tamén permitirá colaborar coa economía familiar dos participantes. De feito, José Alén deu conta de cómo a crise influíu negativamente na alimentación dos máis novos, de ahí que se optase por apoiar esta iniciativa, e é que, tal e como apuntou o edil " unha mala alimentación pode causar, a longo prazo, importantes doenzas e transtornos nos máis pequenos". Finalmente, o concelleiro de Servizos Sociais deu conta da intención do seu departamento de continuar con esta liña de traballo e con futuras iniciativas dirixidas a botar unha man a aquelas familias pontesas que, por mor da crise, están a atravesar unha situación económica complicada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario