lunes, 2 de febrero de 2015

A Feira do Grelo repartirá o vindeiro día 15 máis de 1.500 euros entre as cestas cos mellores grelos e as mellor ornamentadas

As Pontes celebrará o antroido tal e como se merece: cunha nova edición da feira do grelo que cumprirá, o vindeiro día 15, 35 anos de vida e que, de seguro, volverá ser unha vez un dos acontementos estrela da comarca. Nestes últimos días xa estivemos a falar dalgunhas das citas que incluirán estes festexos, coma a exposición adicada ao torneiro Fernando Vérez, e ata xa coñecemos o que será o cartel anunciador dos mesmos, elaborado por Jonás Álvarez. A todo isto súmase, por suposto, a celebración un antroiodo máis do concurso de cestas de grelos e cuias bases xa saían hoxe publicadas no boletín oficial da provincia. Un ano máis, o departamento municipal de Cultura premiará non só ás cestas cos mellores grelos, senón tamén ás mellor engalanadas con máis de 1.500 euros en premios. Coma todos os anos, haberá un primeiro premio de 300 euros á cesta con grelos de mellor calidade, ao que se sumerán tamén un segundo premio de 250 euros, un terceiro de 200 euros e tres accesits de 60 euros cada un. Asemade, tamén se recoñecerán as propostas máis orixinais e mellor engalanadas con tres premios de 300, 200 e 100 euros. No tocante ás bases, éstas son semellantes ás de edicións anteriores e é que cada cesta deberá contar con, como mínimo, 10 madas de grelos que deberán estar expostas no mercado de abastos o mesmo día 15 dende as 10 da mañá e ata as 11, sendo necesario que o seu propietario sexa maior de 16 anos. Cada proposta será valorada por un xurado e as non premiadas poderán poñerse á venda unha vez remate a valoración, recibindo 20 euros cada concursante que non resultase gañador en concepto de desprazamento. A entrega de premios, coma sempre, será contra das 12.30 na carpa que se instalará no patio do colexio santa maría e estará presidida polas autoridades locais e os propios membros do xurado. No tocante ás inscricións, éstas realizaranse entre as 8 e 10 da mañá do mesmo día do concurso, no mercado de abastos, e de darse o caso de contar con máis cestas que postos de exposición dispoñibles a selección dos participantes realizarase por orde de inscrición. Estas bases, ademáis de poder consultarse hoxe mesmo no B.O.P, tamén están a disposición dos interesados na propia páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com e, para calquer tipo de dúbida, tamén será posible telefonar á propia concellería de cultura, organizadora do evento, no teléfono 981 44 03 44.

No hay comentarios:

Publicar un comentario